Sanidade levará unha décima menos que as outras consellerías e a de Facenda baixa un 3%

O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, puntualizou os datos sobre atención primaria, que primeiro introduciu el mesmo ao termo do Consello que aprobou as contas o martes e aos que despois se referiu o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, na sesión de control.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/10/2022 | Actualizada ás 15:07

Comparte esta noticia

O orzamento da Consellería de Sanidade crece en 383,6 millóns en 2023, ata alcanzar un total de 4.972,3 millóns. Este incremento representa unha subida do 8,4% con respecto ao presente exercicio, inferior nunha décima á da media das contas públicas autonómicas, do 8,5% (ata 12.621 millóns).

De acordo coa exposición que fixo este xoves no Parlamento o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, todas as consellerías soben, excepto precisamente a súa, cuxo orzamento baixa un 3,1%, con 8 millóns menos, o que sitúa o total en 246,1 millóns de euros.

Corgos volveu a comparecer ante os medios de comunicación despois de entregar o proxecto dos orzamentos e a lei de medidas fiscais e administrativas (a de acompañamento) ao presidente do Parlamento, Miguel Santalices.

Na súa intervención, subliñou que o tres consellerías que acaparan a maior parte do gasto social concentran "practicamente o 72%" do incremento do orzamento, en alusión a Sanidade, Política Social e Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidade. En concreto, levan 675,7 millóns máis, dos 993 con que se incrementan as contas.

Mentres, o global máis baixo correspóndese coa Consellería do Mar, que disporá de 212 millóns para o ano que vén. Con todo, as contas deste departamento aumentan un 9,2%, por encima da media, con 17,9 millóns máis.

483 MILLÓNS PARA UNIVERSIDADES

En termos absolutos, tras Sanidade está Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, con 2.894,3 millóns de orzamento, que supón un crecemento do 5,2%, con 142,8 millóns máis.

No ámbito do financiamento de universidades, estas contarán con 483 millóns en 2023. Así, o conselleiro referiuse ao plan 2022-2026, con 469 millóns este ano e os 483 previstos para 2023.

SUBIDAS DO 16% E DO 14%

A continuación figura Política Social, que, con 1.077,7, anótase o maior incremento porcentual, do 16,1%, o que supón unha alza de 149,3 millóns con respecto a 2022.

Despois están Medio Rural (que crece un 5,8%, isto é, 37,1 millóns máis, ata 676,2) e Infraestruturas e Mobilidade (sobe un 6,2%, con 28,8 millóns máis, ata 494,5 millóns).

O segundo maior ascenso en termos relativos é o de Promoción do Emprego e Igualdade: un 14,3% máis, ata 489,9 millóns, que son 61,4 millóns máis que este ano.

No relativo ás Vicepresidencias da Xunta, a primeira conta cun orzamento de 414,4 millóns para 2023, polo que aumenta un 14%, con 51 millóns máis. A segunda disporá de 342,8 millóns, de modo que crece un 12,8%, con 39 millóns máis.

Mentres, Medio Ambiente, Territorio e Vivenda terá un orzamento de 289 millóns, que é un 10,2% superior ao deste 2022, o que se traduce en 26,8 millóns máis, e Presidencia disporá de 171,7 millóns, un aumento do 7,6%, con 12,1 millóns máis.

ATENCIÓN PRIMARIA

Aínda sobre sanidade, o conselleiro de Facenda puntualizou os datos sobre atención primaria, que primeiro introduciu el mesmo ao termo do Consello que aprobou as contas o martes e aos que despois se referiu o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, na sesión de control.

Así, indicou que os orzamentos prevén 33,4 millóns para "actuacións puntuais" en atención primaria en 2023, pero "en total o incremento do capítulo uno alcanza os 34,3 millóns e o capítulo seis, os 22,4 millóns".

Por tanto, son 56,7 millóns máis en ambos os capítulos, dixo, "ao que hai que engadir o reforzo tamén en gastos de funcionamento en primaria e os gastos de transferencias correntes en primaria". De aí o total de "137,5 millóns máis en atención primaria" para 2023, o aumento do 10% ao que aludiu este mércores Rueda.

POR PROVINCIAS

Por provincias, Miguel Corgos reivindicou a "aposta polo reequilibrio territorial" en favor de Lugo e Ourense ao sinalar que o maior gasto por habitante volverá producirse nestas provincias: 5.288 euros per cápita na primeira e 5.168 na segunda.

Mentres, A Coruña recibirá 4.024 euros por habitante o ano que vén e o gasto na provincia de Pontevedra situarase en 3.913 euros por habitante.

En calquera caso, as provincias que reciben maior volume de gasto son A Coruña e Pontevedra, con 4.502 millóns e 3.689 millóns, respectivamente. A continuación figuran os 1.712 millóns para Lugo e 1.571 de Ourense.

FINANCIAMENTO LOCAL

No apartado do financiamento local, Corgos reivindicou o "esforzo" coa achega de 564,4 millóns, que supoñen, segundo os seus números, un 15,5% máis (case 76 millóns máis).

A federación galega de municipios e provincias (Fegamp) mostrouse crítica o luns ao coñecer o documento ao manterse conxelada a partida base do fondo de cooperación local, pero o conselleiro respondeu o día seguinte que a Xunta aposta polo incremento da partida adicional, condicionada a determinados gastos.

AFORRO ENERXÉTICO

Cuestionado polo plan de aforro enerxético que a Xunta pretende aplicar na administración, o conselleiro asumiu que haberá que "pagar máis pola enerxía".

En todo caso, o que espera é que "o consumo sexa menor" e para iso a administracíon autonómica prevé "renovar" a rede de enerxía da Xunta (Redexga).

O conselleiro de Facenda entrega os orzamentos. XOÁN CRESPO
O conselleiro de Facenda entrega os orzamentos. XOÁN CRESPO | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta