O PPdeG acusa á oposición de levar "13 anos buscando un escándalo no Goberno galego" polos contratos con Eulen

O Parlamento galego aprobou este xoves por unanimidade unha proposición non de lei presentada polo Grupo Socialista na que se insta á Xunta a remitir á Cámara unha relación detallada dos contratos formalizados

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/10/2022 | Actualizada ás 15:51

Comparte esta noticia

O Parlamento galego aprobou este xoves por unanimidade unha proposición non de lei presentada polo Grupo Socialista na que se insta á Xunta a remitir á Cámara unha relación detallada dos contratos formalizados entre as empresas do Grupo Eulen e a Administración autonómica desde 2009 ata a actualidade.

A iniciativa, defendida na Comisión 1ª polo deputado socialista Pablo Arangüena, tamén esixe coñecer o procedemento polo que foi tramitado cada contrato e o importe anual dos contratos con empresas do Grupo Eulen desde 2005.

Durante a súa intervención, Arangüena asegurou que, desde a entrada de Núñez Feijóo á presidencia da Xunta, os contratos con este grupo, do que é "alta directiva unha irmá" do expresidente galego, "incrementáronse un 300 por cen" con respecto á etapa anterior, do bipartito.

En concreto, o deputado socialista asegurou que o importe dos contratos con este grupo pasou duns 800.000 euros anuais a "uns 2,8 millóns anuais de media desde que Feijóo chegou á presidencia".

A maiores, para o PSdeG, existen "indicios inexplicables" nalgúns destes contratos da existencia de "trato de favor" ou "información privilexiada" a este grupo, polos que reclamou coñecer os pormenores dos mesmos.

Na mesma liña, a deputada do BNG Iria Carreira tamén viu un "incremento exponencial de contratos" na etapa de Núñez Feijóo e apuntou ao "veo de sospeita" existente nalgúns concursos que o Grupo Eulen gañou con "baixas temerarias" ou sen ser "a oferta económica máis vantaxosa". Fronte a isto, Carreira apuntou que os grupos realizaron "varios requirimentos de información" e acusou á Xunta de "opacidade" e "falta de transparencia" respecto diso.

O PP ASEGURA QUE Os DATOS SON COÑECIDOS

Ademais do PSdeG e do BNG, a iniciativa contou co voto a favor do PPdeG que, aínda que criticou a argumentación, dixo que non se opón a que se faciliten eses datos ao Parlamento, porque "están a disposición de calquera na plataforma de contratación da Xunta". "Están a solicitar unha información que é totalmente pública", dixo o deputado popular Alberto Pazos Couñago.

Na súa intervención, Pazos Couñago acusou a PSdeG e BNG de levar "13 anos buscando un escándalo no Goberno galego que non acaba de chegar" e afeoulles o seu "descarado afán por tentar desprestixiar ao futuro presidente do Goberno de España".

Tras apuntar que Eulen mantén "miles de contratos" con distintas administracións públicas "de distinta cor política", o deputado popular rexeitou que a contratación se triplicase na era Feijóo e asegurou que "o período de maior contratación con Eulen é o do bipartito".

Sede da empresa Eulen no polígono da Grela (A Coruña)
Sede da empresa Eulen no polígono da Grela (A Coruña) | Fonte: Google Maps.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta