A Xunta incorpora unha nova excepción á moratoria para eólicos, exclúe os permisos anteriores a xaneiro de 2022

Así, a lei de acompañamento modifica a través do seu artigo 44 a lei do sector, en concreto a disposición adicional sexta, que é a relativa a "planificación de novas solicitudes de parques eólicos".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/10/2022 | Actualizada ás 19:42

Comparte esta noticia

A lei de medidas fiscais e administrativas, coñecida como lei de acompañamento aos orzamentos da Xunta, modifica un ano máis a norma pola que se regula o aproveitamento eólico de Galicia. Entre outras cuestións, incorpora unha nova excepción á moratoria para a instalación de parques, establecida desde xaneiro deste ano ata xuño de 2023.

Así, a lei de acompañamento modifica a través do seu artigo 44 a lei do sector, en concreto a disposición adicional sexta, que é a relativa a "planificación de novas solicitudes de parques eólicos".

Este apartado incorpora unha precisión no punto no que se refire ao "número de proxectos de parques eólicos admitidos e actualmente en tramitación" e á cifra de megawatts prevista nestes proxectos, para facer fincapé en que o referido dato "desborda" o previsto no plan sectorial eólico de Galicia.

Continúa fixando que "durante o prazo de 18 meses" desde a entrada en vigor da anterior lei de acompañamento (isto é, desde xaneiro de 2022 e ata mediados de 2023) "non se admitirán a trámite novas solicitudes de parques eólicos".

Pero exceptúa xa non só a aqueles proxectos que teñan "unha clara incidencia territorial pola súa entidade económica e social" --e que sexan declarados como tales polo Consello da Xunta--, senón tamén a "aqueles proxectos que tendo solicitado un permiso de acceso e conexión antes da entrada en vigor" da devandita lei de acompañamento --a do presente ano-- "o tivesen durante o prazo que dura a moratoria".

OUTROS CAMBIOS

Outros cambios relativos á lei eólica refírense tamén a cuestións relacionadas cos permisos de acceso e conexión. Así, a disposición transitoria oitava xa recollía que, na tramitación de expedientes sen permisos de acceso e conexión, os proxectos admitidos a trámite con anterioridade á lei de simplificación administrativa disporán dun prazo de 12 meses desde o pasado 1 de xaneiro (é dicir, ata que conclúa 2022) para obtelo.

A lei de acompañamento de 2023 introduce o seguinte matiz: "En todo caso, a autorización administrativa de instalacións de xeración non poderá ser outorgada se o seu titular non obtivo previamente os permisos de acceso e conexión ás redes de transporte ou distribución correspondentes, e demais que requira a lexislación básica de aplicación".

Tamén engade unha disposición adicional sétima, precisamente, para solicitudes para a instalación de parques eólicos que perdan o permiso de acceso e conexión como consecuencia do real decreto de 2020 polo que se aproban medidas en materia de enerxía e noutros ámbitos para a reactivación económica.

Esta disposición establece que a Administración autonómica "continuará a tramitación das solicitudes para a instalación de parques eólicos que perdan o permiso de acceso e conexión como consecuencia do incumprimento dos fitos temporais establecidos" no referido decreto.

"Se a tramitación da solicitude chegase ao momento inmediatamente anterior á obtención da autorización administrativa e cumprise con todos os requisitos excepto ter o citado permiso, o órgano substantivo para a súa autorización emitirá unha declaración facendo constar que o proxecto cumpre con todos os requisitos para a autorización a excepción do permiso de acceso e conexión, e que a autorizaciónadministrativa previa e de construción non pode emitirse ata a obtención do permiso", precisa.

Ademais, para todos aqueles proxectos que non sexan iniciativas empresariais prioritarias, os expedientes que dispoñan de permiso de acceso e conexión "terán preferencia na tramitación sobre os que non o teñan".

"Tendo en conta a brevidade dos prazos establecidos" no mencionado real decreto, e o elevado número de solicitudes presentadas e expedientes de avaliación ambiental en tramitación, "entenderase que a perda dos permisos de acceso e conexión por incumprimento dos fitos de obtención de declaración de impacto ambiental (...) débese á imposibilidade material de cumprimento dos indicados prazos", engade. Por iso, indica, "apreciarase a existencia de causas non imputables ao promotor".

Desta forma, no caso de caducidade deses permisos, "non se procederá á execución das garantías económicas depositadas antela administración autonómica".

Arquivo - Parque eólico de Torozos II de Naturgy. NATURGY - Arquivo
Arquivo - Parque eólico de Torozos II de Naturgy. NATURGY - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta