O papel das mulleres no mundo da morte e da dor, centro da cuarta edición do ciclo de cinema de Verín

Promover o intercambio cultural entre Galicia e Portugal é o obxectivo deste encontro, que terá lugar entre o 26 e o 29 de outubro.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/10/2022 | Actualizada ás 20:00

Comparte esta noticia

A Casa da Cultura de Verín acolle entre os días 26 e 29 de outubro a cuarta edición do ciclo de cinema galego-portugués Mulleres, Patrimonios, Sociedade. Unha cita organizada polo Consello da Cultura Galega coa colaboración do Concello de Verín, o Instituto Camões e o Museo do Pobo Galego que ten como obxectivo promover o intercambio cultural entre Galicia e Portugal.

Imaxe do cartaz do ciclo de cinema Mulleres, Patrimonios, Sociedade
Imaxe do cartaz do ciclo de cinema Mulleres, Patrimonios, Sociedade | Fonte: Consello da Cultura Galega

Nesta ocasión, o ciclo céntrase no papel das mulleres no mundo da morte e da dor, que se ergue cunha forte carga patrimonial e social. Sobre estes aspectos versarán as pezas audiovisuais seleccionadas, que contribuirán tamén a amosar as características comúns e as diferenzas que existen en moitos territorios do rural galego e portugués arredor do rol da muller, as crenzas e os ritos mortuorios.

A cita comezará coa proxección do filme A Metamorfose dos Pássaros, de Catarina Vasconcelos, e continuará o venres cunha xornada de curtas, nas que se proxectarán: A menina que vía homes encadeados, de Alicia López; Arraigadas á terra, de Lorena Álvarez Martínez e Iris Justo; Santa Baia de Montes, dirixida por Sabela Souto; Barbas de baleia, de Mariana Bártolo; Água mole, de Alexandra Ramires (Xá) e Laura Gonçalves; Em companhia da morte, de Vanessa Vilaverde, João Aveledo e Eduardo Maragoto; e Mate, dirixida por Pedro Noites. O ciclo pecharase coa longametraxe Negro púrpura, de Sabela Iglesias e Adriana P. Villanueva.

Ao remate de cada xornada haberá un debate-coloquio coas directoras e directores dos filmes, un representantes dalgunha das institucións organizadores que actuarán a xeito de moderadores e o público asistente. Este ciclo forma parte dunha das liñas de traballo da Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega, coa que se busca fomentar un debate entre a cidadanía, as administracións e os profesionais arredor dos bens patrimoniais sobre os que se están a desenvolver actuacións. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta