Pontón acusa a Xunta de "propaganda" co investimento en sanidade, que "se conxela" en 2023

Afirma que a Consellería de Educación aumenta un 4% o gasto no ensino privado e concertado.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/10/2022 | Actualizada ás 14:56

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, acusou á Xunta de "pura propaganda" ao falar de "cifras marca en sanidade", para a continuación asegurar que "o que fan é conxelar" o investimento neste ámbito. En rolda de prensa, a líder nacionalista sinalou ademais que os orzamentos da Xunta para 2023 en Atención Primaria, se se desconta o efecto da inflación, contarán con 321 millóns de euros menos que no ano 2009, segundo os seus cálculos.

"Non hai unha aposta por dotar de máis medios humanos á Atención Primaria nestes orzamentos, ao contrario, conxélanse as previsións que hai e parécenos grave que non haxa unha aposta clara por unha reformulación da Atención Primaria que permita ampliar a carteira de servizos", criticou Pontón.

A continuación, e tras volver cargar contra a rebaixa do imposto de patrimonio porque "regala 34 millóns a 7.700 familias con máis patrimonio de toda Galicia", tachou as contas do Executivo autonómico de "insolidarias, insolventes e propagandísticas".

"O MESMO PESO"

Desta forma, incidiu que se fala de "cifras marca en sanidade", pero iso é "pura propaganda". Para iso, detallou que nesta área, a sanitaria, o investimento no ano 2022 representaba o 34,3% do total do orzamento e que para o ano 2023 é "exactamente a mesma cifra". "Por tanto, non se incrementa o peso do investimento sanitario, senón que na práctica o que fan é conxelalo", recalcou a líder do BNG.

En referencia ao incremento do orzamento para o primeiro nivel asistencial, de 137 millóns de euros segundo adiantou o mércores o presidente da Xunta, "basicamente o que recollen" é a subida salarial dos traballadores, gasto corrente e transferencias correntes, pero "nin un só euro máis" para dotar de persoal á sanidade pública de Galicia, destacou Pontón.

Ante isto, avanzou que o BNG presentará un plan de choque para "rescatar a Primaria, dotado con 200 millóns de euros, e destinado fundamentalmente a ampliar a carteira de servizos".

"SEGUE ABRAZANDO" O LOBBY ELÉCTRICO

Cunhas contas "insolidarias" censurou que o PP "segue abrazando" o lobby eléctrico mentres a poboación paga unha factura da luz que é "unha auténtica estafa". Así subliñou que os populares levan "anos vetando" unha tarifa eléctrica galega e que agora introducen "pola porta de atrás", mediante a lei de acompañamento, unha "nova modificación que quere desproteger o territorio a favor do 'boom' eólico depredador".

Ante estas contas "insolventes", a portavoz do Bloque reiterou que están baseadas "en datos falsos" xa que o crecemento do PIB que recollen do 1,7% non se corresponde co previsto polo informe do BBVA (0%). Fronte a estes datos, pediu a Rueda que explique "como é posible recuperar a riqueza de Galicia cun crecemento cero".

Así mesmo, referiuse a unhas "falsas" previsións en canto ao emprego, xa que o cadro macroeconómico dos orzamentos da Xunta establece que aumentará un 0,7%, pero o informe do BBVA di que Galicia "perderá" postos de traballo cunha evolución negativa do 0,3%. En referencia a este ámbito, Pontón sinalou que Rueda "presume que a taxa de paro será do 10%", pero o que "non di" é que o fará, na súa opinión, con base nunha caída da poboación activa e un aumento da emigración. "Por tanto, dous graves problemas de Galicia que o PP está a utilizar para branquear a taxa de paro", criticou Pontón.

"AUMENTA O GASTO NA EDUCACIÓN PRIVADA"

Noutra orde de cousas, Pontón sinalou a partida dos orzamentos autonómicos destinada a educación. "O que comprobamos na propia documentación oficial é que o peso da Consellería de Educación baixa. Pasa do 21,5% a representar o 20,09%, pero o que si aumenta é o gasto no ensino privado e concertado, 273 millóns de euros, un 4% máis", reprobou.

A portavoz da formación nacionalista remarcou que a débeda aumenta nun contexto no que "se están deteriorando os servizos públicos". Nesta liña, criticou que o Partido Popular nestes "13 anos foi o goberno que máis incrementou a débeda pública de Galicia, concretamente triplicouna; iso si, con recortes nos servizos públicos que sofren todos os galegos".

Así, para os orzamentos do 2023 os intereses pola débeda aumentan un 48,8%, o que significa, de acordo coas súas estimacións, que en cifras absolutas "aumenta 410 millóns de euros". Pontón afirmou que antes da chegada ao Executivo autonómico do PP a débeda pública equivalía ao 6,8% do PIB e que "hoxe está no 18,4% do PIB, tres veces máis".

A líder do BNG, Ana Pontón, no Consello Nacional da formación fronstista
A líder do BNG, Ana Pontón, no Consello Nacional da formación fronstista | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta