15 concellos reciben a bandeira verde polo seu "compromiso co medio ambiente e a paisaxe"

A Xunta de Galicia outorga o distintivo.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 21/10/2022 | Actualizada ás 16:39

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia outorgou a 15 concellos galegos o distintivo 'Bandeira verde', co que pretenden premiar aquelas localidades con boas prácticas ambientais e de protección e conservación da paisaxe.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Anxos Vázquez, entrega a distintivos 'Bandeira verde' aos 15 concellos premiados. XUNTA DE GALICIA
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Anxos Vázquez, entrega a distintivos 'Bandeira verde' aos 15 concellos premiados. XUNTA DE GALICIA | Fonte: Europa Press

O acto de entrega escenificouse este venres en Sober (Lugo) --concello tamén premiado--, presentado pola conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez. Alí destacou que cada ano son máis os concellos que se suman a esta iniciativa.

"Se na primeira edición de 2020 se entregaron dúas bandeiras verdes, este ano son 15 os concellos distinguidos, seis máis que en 2021", explicou.

Nove dos galardoados revalidan a distinción, concretamente as localidades de Alfoz, Curtis, Moaña, Mondoñedo, Ordes, Outeiro de Rei, Parada de Sil, Porto do Son e Sober; mentres que seis conséguena por primeira vez: Laracha, Cervo, Muros, Ribadeo, Ribeira e Touro.

Na súa intervención, Ángeles Vázquez animou a todos os concellos a presentarse a este galardón, "que pretende sumar e reflectir o esforzo que as entidades locais fan polo futuro de Galicia" grazas a accións que permiten "ordenar o territorio, protexer o medio ambiente e a paisaxe; afrontar o cambio climático e mellorar a eficiencia enerxética; xestionar de forma responsable os residuos municipais; e sensibilizar á cidadanía".

A titular de Medio Ambiente lembrou ademais a "aposta" da Xunta por unha "Galicia verde". Así, detallou, en 2023 a Administración autonómica investirá 80,6 millóns de euros en actuacións para preservar os espazos naturais e apoiar aos concellos na xestión dos residuos, na mellora de espazos públicos ou na corrección de impactos paisaxísticos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta