O TSXG apoia o rexeitamento da Xunta a homologar un título de Secundaria obtido a distancia nun centro de EEUU

O mozo cursaba estudos desde Galicia nunha academia con sede nos Estados Unidos.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 21/10/2022 | Actualizada ás 16:44

Comparte esta noticia

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) apoiou a decisión da Xunta de non homologar un título de Educación Secundaria obtido por un alumno a través dunha academia a distancia dos Estados Unidos. O fallo da sección número 1 da Sala do Contencioso Administrativo do Alto Tribunal galego, contra o que cabe recurso de apelación, denega a solicitude do estudante, que impugnou a negativa da Consellería de Educación a convalidar a titulación que o alumno cursou a distancia entre 2015 e 2019.

Unha estudante escribe con xiz nunha aula
Unha estudante escribe con xiz nunha aula | Fonte: Xunta de Galicia.

En febreiro dese mesmo ano, o mozo, nado no ano 2003, matriculouse nun instituto de Santiago de Compostela, onde concluíu o curso sen ser proposto para superar o ano e obter así o título de graduado en educación secundaria obrigatoria (ESO).

Dous anos despois, en xuño de 2021, presentou unha solicitude para homologar polo título de ESO os graos 7 e 10 dunha academia con sede nos Estados Unidos na que cursara estudos a distancia.

Esta petición foi denegada pola Xunta nunha resolución recorrida polo estudante e que, agora, recibe o apoio da xustiza, que incide en que o Real Decreto do ano 1993 que establece o réxime de Centros docentes estranxeiros determina que os estudos a distancia noutros países "non serán obxecto, en ningún caso, de recoñecemento a efectos de validación ou homologación".

O tribunal recolle na súa sentenza a xurisprudencia que existe sobre esta cuestión e, en concreto, fai referencia a un fallo do Tribunal Superior de Xustiza do País Vasco (TSJPV) que sinala que a citada disposición do decreto constitúe "unha cláusula de peche do sistema" que, no referente ao ensino obrigatorio, esixe realizar estes estudos en centros educativos do sistema estatal ou nos estranxeiros "debidamente autorizados".

Esta sentenza do Alto Tribunal vasco subliña que quedan fóra da posibilidade de ser convalidados "os estudos que se realicen en España á marxe do devandito sistema".

Así as cousas, dita resolución establece que "en ningún caso serán susceptibles de homologación" ao Graduado en ESO aqueles títulos realizados desde España mediante a modalidade de educación a distancia en centros estranxeiros.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta