'Ti podes paralos!': Adega lanza unha campaña de recadación para impedir tres parques eólicos

Trátase dos proxectos eólicos Campelo e Bustelo, promovidos por Greenalia nos concellos de Santa Comba, Coristanco e Carballo. A asociación precisa 20.000 euros.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/10/2022 | Actualizada ás 18:20

Comparte esta noticia

ADEGA, a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza, lanza este venres a campaña de

Unha vaca repousa tombada fronte a aeroxeradores no parque eólico de Montouto, da Serra do Xistral, na comarca de Terra Cha
Unha vaca repousa tombada fronte a aeroxeradores no parque eólico de Montouto, da Serra do Xistral, na comarca de Terra Cha | Fonte: Carlos Castro - Europa Press.

recadación solidaria "Ti podes paralos!" para conseguir reunir antes do 1 de novembro os 20.000 euros que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) require como caución ou aval para facer efectiva a paralización cautelar dos proxectos eólicos Campelo e Bustelo, promovidos por Greenalia nos concellos de Santa Comba, Coristanco e Carballo.

Este aval ou garantía requírese ás entidades recorrentes (ADEGA e PDCC) co obxecto de "responder dos prexuízos de calquera natureza que puidesen derivarse da medida cautelar", como así o establece o TSXG nos autos de 19 de setembro e 6 de outubro, relativos á paralización cautelar dos parques eólicos Campelo e Bustelo, respectivamente.

Ademais, é previsible que nas seguinte semanas o TSXG acolla tamén a solicitude de paralización cautelar do proxecto Monte Toural, formulada por ADEGA e PDCC, que viría a completar o conxunto das suspensións cautelares solicitadas relativas aos tres proxectos de Greenalia que foron recorridos o pasado xaneiro en vía contencioso-administrativa por ambas entidades ecoloxistas.

"Isto enfrontaríanos, probablemente, a outros 10.000 euros de caución que se sumarían aos 20.000 euros xa esixidos polo Tribunal galego para efectivizar ditas suspensións cautelares dos proxectos", explica ADEGA, que apela con "urxencia" á solidariedade colectiva para "pararlle os pés a Greenalia e aos abusos do actual modelo eólico da Xunta, agresivo co territorio e coas persoas".

Desde a organización ecoloxista ADEGA requírese con urxencia o apoio de colectivos, plataformas, e do conxunto da cidadanía para impedir, a través do depósito dos avais, que se inicien as obras dos tres parques eólicos de Greenalia, e "evitar que se produzan danos ambientais e sociais irreparables". "A actual situación ofrécenos unha oportunidade única para frear o modelo eólico devastador da Xunta, mais tamén nos enfronta a un reto difícil: conseguir recadar 20.000 euros para depositar como aval antes do 1 de novembro", explican nun comunicado.

Toda a información relativa á campaña de recadación colectiva estará dispoñible no sitio web https://tipodesparalos.adega.gal. ADEGA ofrece dúas modalidades de colaboración ou achega solidaria, a través de doazón ou préstamo. Deste xeito, calquera persoa ou entidade con personalidade xurídica poderá contribuír segundo a opción que máis lle conveña. Mentres a doazón ofrece a posibilidade de desgravar ata un 80% na declaración da renda, o préstamo solidario poderase recuperar por parte do prestamista no caso de que as sentenzas dos recursos contenciosos-administrativos presentados contra estes proxectos eólicos acaben resultando favorables.

As doazóns á campaña "Ti podes paralos!" poderán efectuarse no sitio web https://doazons.adega.gal; e os préstamos solidarios poderán depositarse seguindo as instrucións do formulario https://prestamos.adega.gal. ADEGA actualizará periodicamente na súa páxina web a evolución da cifra recadada. Para calquera dúbida relacionada coa campaña ou coas distintas modalidades de achegas, a organización pon a disposición o teléfono 981570099 ou o correo electrónico xestion@adega.gal.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta