Toda a costa galega en alerta laranxa por temporal: os ventos poderán alcanzar a forza 9

Vimianzo, Carnota, Cervantes e A Veiga rexistran ventos por encima de 100 km/h nas últimas horas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/10/2022 | Actualizada ás 13:24

Comparte esta noticia

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Xunta ampliou a alerta laranxa por temporal costeiro ao noroeste da Coruña e á provincia de Lugo, polo que xa está incluído neste aviso por meteoroloxía adversa todo o litoral galego. Os ventos alcanzarán a forza 8, pero nalgunhas zonas poderán ser de ata forza 9.

Esta alerta estaba xa activada a partir das 12,00 deste sábado nas Rías Baixas e nas zonas oeste e suroeste da Coruña, onde os refachos do sur e suroeste alcanzarán a forza 8 e haberá mar combinado con colas de entre 5 e 7 metros, segundo datos da Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet).

Xa no noroeste da Coruña, zona na que a Xunta ampliou a alerta laranxa, o fenómeno meteorolóxico comezará nas últimas horas deste sábado con ventos do sur ou suroeste de forza 8, ocasionalmente 9 entre Ortegal e Bares. O mar combinado chegará a esta zona con ondas de ata 6 metros e temporalmente de ata 7 metros entre Cabo Vilán e as Illas Sisargas.

Pola súa banda, no litoral da Mariña, a alerta activarase nas primeiras horas deste domingo con vento do suroeste forza 8 ao oeste de Burela e mar combinado de ata 6 metros en Bares e mar dentro. 

Dúas gaivotas sobrevoan a ondada na zona de Santa Maria de Oia ata Cabo Silleiro, a 20 de outubro de 2022, en Pontevedra, Galicia, (España). A borrasca Armand é a primeira de gran impacto da tempada que afectará a Galicia e ao oeste da Pe. Gustavo da Paz - Europa Press
Dúas gaivotas sobrevoan a ondada na zona de Santa Maria de Oia ata Cabo Silleiro, a 20 de outubro de 2022, en Pontevedra, Galicia, (España). A borrasca Armand é a primeira de gran impacto da tempada que afectará a Galicia e ao oeste da Pe. Gustavo da Paz - Europa Press | Fonte: Europa Press

Ante estas circunstancias, a Xunta lembra a cidadanía a importancia de manterse afastado da liña de costa, é dicir, diques, rompentes e paseos marítimos. Tamén recomenda que extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.

VALORES MÁXIMOS DA XORNADA

Ata o momento, na xornada deste sábado os ventos superaron os 100 quilómetros por hora en puntos bastante distantes da xeografía galega, segundo os valores máximos rexistrados por Meteogalicia.

A marca osténtaa Vimianzo, onde os medidores da estación da Gándara rexistrou refachos de 108,8 quilómetros por hora ás 11,50 da mañá. Séguelle a de Lira, en Carnota, con 105,9 km/h ás 12,20 horas. Tamén superou esta barreira a estación dos Ancares, en Cervantes, con 104 km/h ás 9,20 horas, mentres que a de Xares, na Veiga, notificou refachos de 100 km/h ás 8,50.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta