Paula Prado confía que Rueda sairá reforzado das municipais: "Tinguiremos Galicia de azul"

Ve a Rueda "consolidado" e avalado polas enquisas, e recalca que o seu xefe de filas anteporá Galicia aínda que supoña enfrontarse a Feijóo. Censura as "parvadas varias" do Ministerio de Igualdade: "Se está para colocar amigas, amigos e amigues da ministra, mellor que se pechase".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/10/2022 | Actualizada ás 12:49

Comparte esta noticia

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, é consciente de que as eleccións municipais de 2023 supoñen unha proba de lume para o seu xefe de filas e presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e toda a súa dirección, pero é optimista, dá por feito que lograrán algunha alcaldía urbana --mesmo ve opcións en "moitas"-- e que o substituto de Alberto Núñez Feijóo en Galicia sairá reforzado.

Os populares presentaron este sábado as súas candidaturas ás sete cidades galegas e, nunha entrevista concedida a Europa Press, o número dous do partido en Galicia proclamou que, a pesar de quen pon en dúbida a súa capacidade electoral nas urbes, na cita coas urnas do 28 de maio sorprenderanse e "o titular máis repetido" será que "o PPdeG ten maioría absoluta en..."

En cantas cidades? Ante a petición duns obxectivos electorais máis concretos e a pesar de que neste mandato o PPdeG non ten Alcaldía urbana ningunha, respondeu que "hai moitas cidades" onde ve "moitas posibilidades" de gobernar, aínda que eludiu dar nomes. "Tinguiremos Galicia de azul", sentenciou, unha proclama que, engadiu, reflectirase no ámbito provincial --espera tamén sumar algunha outra deputación á ourensá--.

Aínda que se abre á incorporación de independentes que "encaixen" co PPdeG de "centro dereita reformista" que lidera Rueda, declinou pronunciarse expresamente sobre a posibilidade de que os populares conten con membros de Vox para acceder a gobernos locais e se lle parecerían fiables. O obxectivo do PPdeG é "a maioría absoluta", advertiu, tendo en conta que, ao seu modo de ver, "a gran desgraza neste país é que non pode gobernar a lista máis votada".

Neste sentido, deu a entender que, na mesma liña de Feijóo, a formación que agora lidera Rueda incidirá na mensaxe do "voto útil" ao PPdeG, é dicir, que "só" unha papeleta aos populares contribúe a evitar "que goberne o PSOE, os populistas ou os nacionalistas e independentistas". Nese "voto útil" confía, precisamente, para engrosar a súa listaxe de alcaldías.

En todo caso, aínda que eludiu asumir a Vox como socio, tamén sorteou a crítica directa á formación que dirixe Santiago Abascal. Preguntada acerca de se considera Vox un partido fascista dadas algunhas das súas formulacións, rexeitou situarse co argumento de que "fascista" é un termo "devaluado" e que se usa "para (cualificar) todo o que sexa non estar de acordo cos postulados de esquerdas".

"SÁCAME DAS MIÑAS 'CASILLAS' VER COMO SE DEGRADOU O FEMINISMO"


Preguntada acerca de se Vox lle parece machista, replicou que machista "tamén é un termo que moitas mulleres están a utilizar de forma excesiva". A modo de exemplo, referiuse á líder do BNG, Ana Pontón, e esgrimiu que "fraco favor" se fai ao feminismo "se non se encaixan as críticas políticas como tal e se di que todas son machistas".

E sácaa das súas 'casillas', como ao expresidente Mariano Rajoy, o feminismo de 'todes'. "O que me saca das miñas 'casillas' é ver como se degradou o feminismo nos últimos anos e ver como as políticas de igualdade non se dedican ao imprescindible, a romper coa desigualdade de xénero, mentres aumenta a violencia machista. Isto evidencia que as políticas de igualdade non funcionan", sentenciou.

"Se destinamos o diñeiro a campañas sobre o sexo dos xoguetes ou parvadas varias do Ministerio de Igualdade... Se o Ministerio de Igualdade está para colocar a amigas, amigos ou amigues da ministra, é mellor que se pechase e se destinase ese diñeiro a políticas reais e efectivas", engadiu, e citou cuestións do ámbito da igualdade de oportunidades laborais ou de conciliación.

Neste punto, aproveitou para reivindicar as políticas sociais e orzamentarias do Executivo autonómico --con exemplos como o da gratuidade da educación infantil de 0 a 3 anos ou a ampliación das vacinas--. "Rueda demostrou que é o presidente das familias e da muller", esgrimiu.

En xeral, destacou que, nun escenario marcado pola alza da inflación, os Orzamentos autonómicos para 2023 dan unha resposta social "adecuada" e contrapúxoos co "metaverso" dos Orzamentos Xerais do Estado (PGE) dun Pedro Sánchez que "maltrata" Galicia.

Non defende con tanta intensidade a lei de medidas que cada ano acompaña ao proxecto orzamentario autonómico para facilitar a implantación de decisións (por exemplo de carácter fiscal) que requiren cambios normativos. "Sempre digo que a min persoalmente non é a lei que máis me gusta", admitiu, pero matizou que "o procedemento lexislativo que hai é moi lento" e, ás veces, é preferible optar por esta vía para "cambiar pequenas cousas".

RUEDA, "CONSOLIDADO" E VALORADO NAS ENQUISAS

A pesar de que o PPdeG tivo que afrontar unha substitución exprés tras tomar Feijóo as rendas do partido en España, Prado considera que o seu xefe de filas "se consolidou" e evidenciou que é un presidente "preparado", que tiña experiencia na Administración, e tivo que afrontar moi pronto "problemas" relevantes como a vaga de incendios do pasado verán.

'La Voz de Galicia' publica este domingo unha sondaxe realizada por Sondaxe que mantén o PPdeG con maioría absoluta en clave autonómica, mesmo cun escano máis que no pasado mes de maio. Iso si, perdería dous dos 42 que obtivo Feijóo nos últimos comicios de xullo de 2020 ata situarse en 40.

"Ao presidente Rueda véxoo crecendo, cada día crece máis. Era unha persoa de quen se expuña que era descoñecido, pero cando pasou a primeiro plano, a xente deuse conta da súa experiencia e da súa capacidade de xestión, de que non é tan descoñecido como algúns crían", esgrimiu, convencida de que a poboación galega o "percibe" como "un gran presidente" e así se plasma, por exemplo, "nas enquisas".

"Vexo ao presidente consolidado e que os galegos senten identificados co PPdeG e cun capitán á fronte do barco que os leva a bo porto", sentenciou Prado, quen non dubida de que, se chegado o momento fose preciso enfrontarse a Feijóo, Rueda anteporá "ás siglas" os intereses de Galicia e da súa cidadanía.

Pero confía en que o líder do PP estatal responda as reivindicacións de Galicia --tales como a cesión das competencias de costas-- e por iso os populares galegos, cuxa "lealdade" ao partido tamén subliñou, traballarán para levalo á Moncloa. Iso si, recalca: "Todo o que haxa que reivindicar para Galicia seguirémolo reivindicando goberne quen goberne".

AS NOTAS DA OPOSICIÓN

Aos representantes da oposición en Galicia, finalmente, optou por non porlles nota. Á nacionalista Ana Pontón vea "ben na oposición", xa que considera que "é o que lle gusta e o que sabe facer". "Non ten equipo, está soa nesta viaxe. Está a facer oposicións a seguir na oposición", esgrimiu a dirixente popular, quen ve "demostrado" que "non está preparada para ser presidenta.

Finalmente, apuntou que o líder do PSdeG, Valentín González Formoso, alcalde das Pontes e presidente da Deputación da Coruña, é "un pluriempregado da política" que "nin atende o seu concello, nin a deputación, nin aos simpatizantes socialistas". "Ten problemas nos tres ámbitos. Cando se centre e decida que quere ser de maior valorarémolo; de momento véxoo algo despistado", resolveu.

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, durante unha entrevista concedida a Europa Press.. CÉSAR ARXINA / EUROPA PRESS / Europa Press
A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, durante unha entrevista concedida a Europa Press.. CÉSAR ARXINA / EUROPA PRESS / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Sentidiño

"Vendex hace unos regalos de la hostia" (Paula Prado, académica de la lengua).

1 Parásito

Unha corrupta dando leccións de honradez dende unha organización calificada como Criminal pola xustiza.En fin cousas veredes!