O novo plan de mobilidade urbana de Pontevedra busca reducir o tráfico ao "estritamente necesario"

Só recibiu o rexeitamento do PP.

Por Europa Press / Redacción | Pontevedra | 24/10/2022 | Actualizada ás 17:41

Comparte esta noticia

O Concello de Pontevedra aprobou definitivamente o plan de mobilidade urbana sustentable, que segue a senda da filosofía de reducir o tráfico rodado na cidade ao "estritamente necesario".

Panorámica da Cidade de Pontevedra
Panorámica da Cidade de Pontevedra | Fonte: pontevedraviva.com.

O texto, defendido no pleno ordinario deste luns polo concelleiro Demetrio Gómez, saíu adiante co único voto en contra do grupo do PP, xa que o edil non adscrito, Goyo Revenga, apoiou o documento presentado polo goberno local que compoñen BNG e PSOE.

O pasado mes de xullo foi aprobado inicialmente o plan, o que abriu un período de exposición pública polos barrios da cidade que se prolongou ata finais de setembro.

Durante este período, o concelleiro de Mobilidade, Demetrio Gómez, mantivo encontros sectoriais con distintas entidades e colectivos para presentarlle o documento e pedirlles que fagan suxestións.

Demetrio Gómez destacou que o PMUS é un paso máis no modelo e marca a ruta a seguir nos próximos 10 anos. Segundo dixo, o PMUS supón un "cambio de paradigma" para Pontevedra, ao ordenar toda a mobilidade da cidade "para que ninguén sexa expulsado do espazo público".

Pontevedra, segundo o concelleiro do BNG, hai xa dúas décadas decidiu "romper un círculo vicioso", ao comprender que "canto máis se promociona o tráfico motorizado, máis violento, inhóspito e deshumanizado é o espazo público".

Seguir esta filosofía, dixo, é a base deste plan que planea reducir o tráfico ao "estritamente necesario" e que non ocupe máis espazo "do imprescindible", limitando a velocidade para que a circulación na cidade "non sexa agresiva".

Mellorar o sistema de aparcadoiros disuasorios, aumentar en 4.000 metros cadrados cada ano as áreas peonís, promocionar o transporte público e a bicicleta, dotar de maior calidade ás contornas escolares ou mellorar as infraestruturas viarias son algúns dos seus obxectivos.

Por último, Demetrio Gómez destacou o aspecto clave deste PMUS, a creación dunha zona de tráfico reducido en todo o centro urbano e os barrios do Burgo, Monte Porreiro e Estribela, que "é a súa mellor contribución para alcanzar a maior calidade urbana".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta