O BNG vese "a alternativa real ao PP" e o PSdeG agarda "mellorar" tras a enquisa de Sondaxe

O PSdeG apela a "cambiar tendencia", e o PPdeG cre que a sondaxe mostra que fixeron a substitución na presidencia da Xunta "razoablemente ben".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/10/2022 | Actualizada ás 18:53

Comparte esta noticia

Os partidos políticos con representación no Parlamento de Galicia valoraron este luns a enquisa realizada polo Instituto Sondaxe e publicada pola Voz este fin de semana. Así, a líder do BNG, Ana Pontón, sinalou que mostra que o BNG é "a alternativa real" fronte ao PP; o portavoz parlamentario do PSdeG, Luís Álvarez, apelou a "cambiar a tendencia"; e o portavoz dos populares na Cámara galega, Pedro Puy, asegurou que demostra que a substitución na presidencia da Xunta fíxose "razoablemente ben".

A sondaxe reflicte que o PP mantería a maioría absoluta, aínda que con dous deputados menos, mentres que o Bloque crecería, cun escano máis; o PSdeG contaría cun deputado menos pola provincia de Pontevedra; e Galicia en Común aparecería no Parlamento con dous representantes.

Aínda que todos coincidiron en sinalar que "aínda faltan moito" para que se celebren comicios autonómicos, a líder do BNG recoñeceu que "serve para ver cales son algunhas das tendencias" que se están dando en Galicia. Así, destacou da enquisa mostra que o BNG é "a forza que representa a alternativa real fronte ao PP" e que lles sinala que "hai partido".

"O BNG o que vai facer é traballar para que este país teña por primeira vez unha presidenta coas mans libres para defender os intereses dos galegos e levantar un proxecto de futuro para este país e o tempo dirá", expresou.

PSDEG: "ESPAZO DE MELLORA"

Pola súa banda, o portavoz do grupo parlamentario socialista, Luís Álvarez, defendeu que a directiva actual do PSdeG, con Valentín González Formoso á cabeza, leva 10 meses á fronte do partido, polo que considera que "hai un espazo de mellora". Con todo, recoñeceu que a enquisa é "un acicate" para "facelo mellor". "Se algo hai de distinto na forma de actuar desde hai 10 meses é que se antepoñen sempre os intereses de Galicia e esa é unha realidade que a algún partido político non lle resulta interesante", reflexionou.

Así, asegurou que van cambiar "a tendencia" que mostra a enquisa. Ademais, cuestionado sobre unha publicación en Twitter do anterior secretario xeral dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero, na que se mostraba "preocupado" por esta sondaxe, Álvarez evitou entrar en polémicas: "Preocupados estamos todos, non só o señor Gonzalo Caballero. O que ten que facer é traballar con todos para que cambie esa tendencia".

PP: "REFORZA E SOBE"

Para o portavoz popular, Pedro Puy, a enquisa recolle que fixeron as cousas "razoablemente ben" despois dun cambio na presidencia da Xunta e na dirección do partido. Aínda que cre que "a xente non está a pensar nunhas eleccións que chegarán dentro de dous anos", valorou que a sondaxe "reforza e sobe" respecto da anterior enquisa de Sondaxe "non só nas xerais, senón nas eleccións autonómicas".

"Creo que iso quere dicir que se entendeu esa operación, que está a consolidar unha maioría e que ademais está a facer que Galicia vaia a mellor neste contexto tan complicado", resumiu Puy.

Rolda de prensa da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, para valorar os orzamentos
Rolda de prensa da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, para valorar os orzamentos

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta