Angrois.-O interventor negou dúas veces ter feito unha chamada ao condutor do Alvia que puido distraelo

Nove policías interviñeron ante a maxistrada e varios deles corroboraron as palabras pronunciadas polo maquinista, tanto en pequenas conversacións que mantiveron con el, como en varias chamadas telefónicas que realizou desde Angrois antes do seu traslado ao Hospital Clínico.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/10/2022 | Actualizada ás 15:04

Comparte esta noticia

Francisco José Garzón, o condutor do Alvia 04155 accidentado na curva compostelá de Angrois o 23 de xullo de 2014, apuntou á súa propia responsabilidade e a un "descoido" nos primeiros momentos tras o descarrilamento, pero sen deixar de denunciar que unha falta de seguridade naquel tramo "deixaba todo en mans do maquinista".

Así o constataron os primeiros axentes da Policía Nacional que aquel día chegaron ao lugar do sinistro e que este martes prestaron declaración como testemuñas na cuarta xornada do xuízo que se celebra na Cidade da Cultura, de Santiago, máis de nove anos despois do accidente onde houbo 80 mortos e 145 feridos.

Tras dez días desde a última sesión, e xa coa ausencia de ambos os acusados --ademais de Garzón, o exdirector de seguridade de Adif, Andrés Cortabitarte-- porque así o permitiu a xuíza Elena Fernández Currás, os accesos ao edificio xudicial estiveron máis liberados da presenza dos medios de comunicación.

Ata nove policías interviñeron ante a maxistrada e varios deles corroboraron as palabras pronunciadas polo maquinista, tanto en pequenas conversacións que mantiveron con el, como en varias chamadas telefónicas que realizou desde Angrois antes do seu traslado ao Hospital Clínico.

O comisario da Policía Xudicial da Coruña, que naquelas datas estaba encargado do operativo de seguridade polas festas do 25 de xullo e o día previo, foi o primeiro mando en chegar á curva e así o relatou ante as preguntas do fiscal Mario Piñeiro e das distintas partes personadas.

Contou como estivo "unha media hora" co maquinista despois de que o retirasen da locomotora, coa cara ensanguentada. Segundo o comisario, Garzón recoñeceu o seu exceso de velocidade: "La jodí. Es que venía a 190 kilómetros por hora".

O policía alegou que non se trataba de ningún interrogatorio, senón que pretendía coñecer "o que ocorrera" porque, de feito, as primeiras chamadas para alertar do sinistro "falaban dunha explosión" e no lugar "había cheiro a queimado e a amonal, unha sustancia explosiva".

GARZÓN "FALABA SEN QUE NINGUÉN LLE PREGUNTASE"

Outro policía que estivo con Garzón tras o sinistro asegurou que o maquinista se lamentaba do acontecido --"Madre mía, lo que he hecho", dicía-- e achacábao a que se despistou durante a condución, polo que pensaba que estaba aínda "dous túneles antes" e que aínda faltaba para chegar á curva da Grandeira.

Tras o sinistro, Garzón estivo sentado nun banco ata que os sanitarios ordenaron a súa evacuación ao hospital. Tamén declarou outro axente que o escoltou ata o coche e que contou como "falaba sen que ninguén lle preguntase".

"Dicíanos que se sentía culpable, que a culpa fora súa, que a seguridade da vía non era adecuada para a velocidade que podía levar o tren, que estaba todo en mans do maquinista", resumiu.

Garzón tamén atendía a varias chamadas e a unha delas, segundo o policía, respondeu: "Fun eu". Durante o interrogatorio, a defensa do maquinista tentou desligar esa frase de calquera atribución de responsabilidade, porque simplemente podía tratarse de xente que contactaba con el para preguntar se o Alvia descarrilado era o seu.

A CHAMADA QUE O INTERVENTOR NEGOU "DÚAS VECES"

Outra das claves no xuízo, e á que se atribuiría "o descoido" do maquinista, é a chamada duns 100 segundos de duración que mantivo instantes previos ao descarrilamento co interventor de Renfe, Antonio Martín Marugán, cuxa declaración, entre outras, está prevista para este mércores.

E é que, tal e como declarou Francisco Garzón o pasado 6 de outubro, aquela chamada, que era "de servizo" e na que se interesaba por uns viaxeiros que ían a Pontedeume e sobre como entrar nesa estación, non impediu que seguise "prestando atención", aínda que lle fixo "perder a conciencia situacional".

Este martes declarou tamén o policía que exerceu como secretario na instrución do ateigado, dado que o propio instrutor xa faleceu. Explicou ante a xuíza que "desde o primeiro momento" o corpo tratou de descubrir "algún tipo de distracción" por parte do condutor.

Con todo, tal e como afirmou, non tiveron coñecemento da chamada ata o 31 de xullo, unha semana despois do accidente, tras obter os datos do rexistro telefónico dun dos móbiles que portaba o maquinista.

De feito, non o comentaron nas súas primeiras declaracións nin o condutor que levou o Alvia ata Ourense --ao que Garzón lle tomou a substitución--, nin o vixiante de seguridade, nin o propio interventor. É máis, Marugán negou ata "dúas veces" esa chamada, segundo contestou este martes o policía secretario da instrución.

DEFENDE A ACTUACIÓN POLICIAL

O axente, durante o interrogatorio ao que se someteu como testemuña, tamén negou calquera tipo de malos tratos ao que fose sometido o maquinista a noite que pasou no calabozo, porque "non consta" no expediente. Ademais, asegurou que non o detiveron "até que tivo a alta hospitalaria"

Precisamente, foi na quenda do representante do maquinista cando a xuíza interveu para cortar as preguntas sobre a detención, que ao letrado lle parecían "relevantes".

"Ese non é o obxecto do meu xuízo (...) Se ten algún problema sobre o trato que se lle deu ao seu cliente como detido ou como investigado en sede xudicial, tiña que polo de manifesto no seu momento. Agora xa non vén a conto de nada", resolveu, tallante, Fernández Currás.

O policía secretario da instrución tampouco deixou de reivindicar a súa experiencia de "máis ou menos 38 anos na Policía". "Sei como iniciar unha investigación", insistiu, ao responder á defensa de Garzón. "Non fun aleccionado por ninguén, se é o que pensa vostede".

O xuízo renovarase este mércores coas declaracións como testemuñas do interventor de Renfe co que falaba por teléfono o maquinista, do empregado de seguridade e doutro traballador da operadora que ían a bordo do Alvia, así como do condutor que levou o tren desde Medina del Campo ata Ourense.

O exdirector de Seguridade na circulación de Adif, Andrés Cortabitarte (i) e o maquinista do tren Francisco Garzón (d), durante a primeira xornada do xuízo polo accidente ferroviario de Alvia, na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela,. Álvaro Ballesteros - Europa Press
O exdirector de Seguridade na circulación de Adif, Andrés Cortabitarte (i) e o maquinista do tren Francisco Garzón (d), durante a primeira xornada do xuízo polo accidente ferroviario de Alvia, na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela,. Álvaro Ballesteros - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta