Por Galicia Confidencial | A Coruña | 30/10/2022 | Actualizada ás 10:00
Que está pasando nos últimos tempos nas augas galegas para que se vexan, cada vez máis a miúdo, mangas de candorcas?. As súas visitas comezaron no verán de 2020, cando as restricións pola pandemia deixaron o océano case libre de embarcacións.
Nun comezo deuse conta de tres exemplares novos que interactuaban cos veleiros. Logo identificouse a unha familia, bautizada como "as gladys". Agora téñense rexistrados 16 exemplares que van desde Galicia até o sur de Portugal e o estreito de Xibraltar.
"O ministerio de Medio Ambiente español encargou un estudo para decidir o que se vai a facer", comenta Marina Sequeira, bióloga do Instituto para a Conservación da Natureza e dos Bosques, nunha entrevista en Euronews. "De acordo coa información que temos, aparentemente, algúns animais van ser marcados".
SEGUINDO AO ATÚN
Os investigadores apuntan a que as candorcas seguen a migración de atunes que van desde o Atlántico norte até o Mediterráneo. Mentres continúa a investigación, algúns biólogos manteñen que se realmente fosen violentas, os golfiños xunto aos que ás veces nadan non se achegarían a elas.
As candorcas poden medir até oito metros de longo e pesar máis de cinco toneladas. Non hai aínda probas do motivo destas interaccións con embarcacións. "Están a xogar, protexendo ás súas crías, pero poderían ser agresivas", indica Sequeiro.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.