Cando Galicia loitou para rematar coa matanza de baleas e os residuos nucleares fronte as costas

A Sociedade Galega de Historia Natural acaba de facer 50 anos. Anos nos que houbo tempo para accións contra a vertedura de residuos radiactivos na Foxa Atlántica, contra a caza das baleas e tamén para recuperar áreas como partes da lagoa de Antela ou crear documentos e catálogos sobre flora e fauna galegas. GC fala con Serafín González, o seu presidente.

Por Moncho Mariño | Santiago | 30/10/2022 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

-O ano que vén a Sociedade Galega de Historia Natural cumpre cincuenta anos. Moita xente descoñece as súas orixes, practicamente aínda no franquismo. Como foron eses pasos?

Serafín González, presidente da SGHN
Serafín González, presidente da SGHN

O primeiro paso foi en 1973 coa Lei de Asociacións vixente daquela e dar de alta o Grupo Ornitolóxico Galego no Goberno Civil da Coruña. Aínda que naceu con ese nome, xa desde o primeiro momento nos estatutos falábase da conservación da natureza galega en xeral. Tres anos despois refundouse e cambiou o seu nome a Sociedade de Historia Natural de Galicia (SHNG). O cincuenta aniversario será en agosto do ano que vén.

-Ese cambio fíxose aproveitando un novo marco legal?
Non, foi un cambio en función das mesmas inquedanzas que había desde o comezo. Decidiuse entón que facía falta algo máis amplo. O Grupo Ornitolóxico Galego naceu o dous meses despois de que se instituise o Día Internacional do Medio Ambiente.

-Cal foi a primeira intervención importante da SGHN logo do seu nacemento?
Unha das primeiras intervencións, xa como Grupo Ornitolóxico Galego, foi crear un censo de aves acuáticas invernantes en Galicia que se levan facendo ininterrompidamente desde aquela. Despois de cara á opinión pública e como intervención máis directa de conservación foi conseguir a moratoria internacional da caza de baleas, finais dos setenta, comezos dos oitenta. A SGHN colaborou daquela con Greenpeace Francia, porque aínda non existía en España. Outra intervención moi pouco tempo despois, foi a participación de membros da SGHN no “Xurelo”, nas campañas contra as verteduras de residuos radiativos na foxa atlántica.

O primeiro paso foi en 1973 coa Lei de Asociacións vixente daquela e dar de alta o Grupo Ornitolóxico Galego no Goberno Civil da Coruña

-Sobre esa acción, sentes a día de hoxe preocupación entre as persoas sobre os residuos aí depositados?
Non, porque para moita xente iso está esquecido. As verteduras están aí, hai uns bidóns baixo unhas condicións de corrosión e presións do fondo mariño, mais como noutras cousas, a xente non é consciente de cal é o problema e os posibles riscos que derivarían desta situación.

-Que sentiades naqueles momentos cando botaban ao mar os bidóns e vos lanzaban mangueirazos de auga desde eses buques?
Os buques tiraban os bidóns mentres viñan escoltados por navíos da armada neerlandesa. Nesa foxa verteron varios países, Reino Unido, Países Baixos, Alemaña, Bélxica e nalgunha ocasión tamén Suíza. As verteduras, claro, facíanse en augas internacionais.

-Como se pode explicar que se tiren residuos dese tipo ao fondo do mar?
A iso responde moi ben a frase nacida nos EE.UU.: “ninguén quere a contaminación no patio de atrás da súa casa”, por tanto tírase o lixo ben lonxe. Eses países tiraban os seus refugallos ao mar e así “resolvían” o problema.

Unha das primeiras intervencións foi crear un censo de aves acuáticas invernantes en Galicia 

-Como finalizaron estas campañas e que retos afrontastes despois?
A campaña das baleas comezou en 1980 e en 1982 conseguiuse que España apoiase a moratoria da caza dos cetáceos, era un dos votos que faltaban e así a Comisión Baleeira Internacional aprobou a moratoria.  As verteduras radioactivas comezaran en 1981 e finalizaron en 1983 cando se asinou unha convención para prohibir as verteduras radioactivas en medios mariños. Despois disto, seguimos o noso lema “Estudar e divulgar para conservar” e se se quere conservar fai falta información. Aí tivemos un dos seguintes retos foi a elaboración do “Atlas de vertebrados de Galicia”. Este documento tardouse en publicar por falta de financiación. Finalmente saíu do prelo en 1995 e para facernos unha idea da súa importancia, este foi o primeiro atlas de vertebrados en todo o Estado. Cinco anos despois, nun debate no Congreso dos Deputados acordouse que era necesario ter inventarios de hábitats e de especies para crear a Estratexia Española de Conservación da Biodibersidade. O noso atlas foi adiantado ao seu tempo, polo menos ao tempo oficial. A SGHN naceu 23 anos antes de que nacese a Consellería de Medio Ambiente e 24 anos antes de que existise un ministerio de Medio Ambiente.

Os bidóns con lixo radioactivo están na Foxa Atlántica mais soportando a presión das profundidades e corrosión e ninguén se dá conta

-Mais agora estades con outros retos como por exemplo, a recuperación da lagoa de Antela, un símbolo dos humidais interiores de Galicia. Para esta recuperación cales son os traballos que levades adiante?
A lagoa de Antela era unha das tres grandes lagoas interiores de España. Antela foi desecada xunto con La Janda en Cádiz, e La Nava en Palencia. Pouco tempo despois desecouse a lagoa de Cospeito e do complexo da Terra Cha. Outra acción cun impacto negativo foi o realizado nas Gándas de Budiño. Todo isto obedecía á política “desarrollista” para converter terras húmidas en terras de cultivo ou para terreos industriais, ou áreas portuarias que se realizou en toda Europa desde comezos do século XIX e continuaron no XX. Estas desecacións realizáronse en todo o mundo e isto trouxo que desaparecesen entre o 60 e o 70% das zonas húmidas do mundo. Tardouse moito tempo en caer na conta no valor destas áreas como subministradoras de auga e moita máis riqueza. Finalmente en 1971 asinouse en Ramsar (Irán) a Convención dos Humidais para o uso sustentable dos mesmos e a súa conservación. Corenta anos despois, en 2011 creouse dentro da SGHN unha sección de traballo para os humidais da zona da Limia, a Sección Antela.

-Como funciona esta sección e como desenvolve o seu traballo?
A SGHN ten delegacións por ámbitos de traballo, mais unha sección que está focalizada nunha parte do territorio é a de Antela. Os obxectivos son recuperar todas as zonas que actualmente son marxinais para a agricultura e outros usos produtivos mais cun elevado valor ambiental que se pode potenciar. Moitas destas áreas son asolagables mais tamén conservan árbores caducifolias tradicionais da zona. A estratexia que se está a seguir é múltiple, por unha parte se queres actuar sobre o territorio debes ter o dereito de actuar. Iso implica mercar terreos por iso se mercou unha parcela de 1,3 hectáreas na Veiga de Vilaseca en 2013. Depois descubriuse que no Banco de Terras de Galicia había moitas masas de terras comúns propiedade da Xunta e que non tiñan interese agrícola e si ambiental. Así a SGHN desde a Sección Antela alugou 84 parcelas propiedade do Bantegal, onde se están a realizar tarefas de xestión ambiental. O aluguer é por trinta anos con finalidades ambientais. Logo chegouse a acordos de custodia do territorio con agricultores, gandeiros ou algún empresario.

Un dos seguintes retos foi a elaboración do “Atlas de vertebrados de Galicia” que foi o primeiro no Estado

-Cales son os resultados a día de hoxe?
Resaltamos o acontecido na Veiga de Gomareite onde temos un acordo de custodia cun gandeiro local. Esta veita era o extremo norte da lagoa de Antela en inverno e primavera era lagoa e durante o verán e comezos do outono era un pasto húmido onde levaban o gando pacer. Logo da desecación e da concentración parcelaria, o lugar convertérase literalmente nun vertedoiro e en total retiramos de alí 120 metros cúbicos de residuos e aínda queda. Por que nos metemos nese lugar? Primeiro por ter un valor simbólico enorme por ser parte da lagoa e o grande valor ambiental está en que nese lugar florece a cuarta parte da poboación mundial dunha planta en perigo de extinción, o Eryngium viviparum, o cardiño da lagoa. Aí tamén están criando o 25 ou 30% de avefría de Galicia. Construíronse uns diques pequenos para conservar máis auga que non pasa dun metro de profundidade. Logo todo iso é pasto para o gando. Demostramos que un vertedoiro pode ter unha utilidade produtiva en gando extensivo e conservar a diversidade. A finais de 2020 pedimos ao Ministerio de Transición ecolóxica pensar na recuperación polo menos en parte, das tres grandes lagoas que había no Estado.

Os obxectivos en Antela son recuperar zonas marxinais para a agricultura e outros usos produtivos mais cun elevado valor ambiental

-Cal foi o proceso para a creación do Museo de Historia Natural en Ferrol?
A orixe en Ferrol comezou coa recollida de animais que chegaban mortos ás praias o aparecían polos campos. Despois foise enchendo con doazóns como exemplares pescados accidentalmente e sen valor comercial, como a quenlla fociñuda, algún calamar xigante, cetáceos que chegan mortos. Isto foise facendo co traballo dos voluntarios até abrirse unha exposición ao público. Despois, co apoio do Concello de Ferrol, que é o propietario do local e cunha axuda para mantelo aberto ao público, estase abrindo unha exposición permanente na Praza de Canido, na Casa do Coronel. Isto mantense co traballo dos voluntarios e que é importante en todas as actividades da SGHN. Así podemos ter unha balea común de 18 metros, un peixe lúa, restos de cachalote ademais de termos varios cranios de zifios fósiles. Os zifios son uns cetáceos dos que se puideron descubrir algunhas especies novas grazas aos fósiles que temos no museo. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta