Primeiro día de folga das limpadoras da Cidade da Cultura "por unhas condicións dignas", segundo a CIG

Tamén remitiron un escrito á Valedora do Pobo, do que si se obtivo resposta e, por mor da apertura dun expediente, a Fundación Cidade da Cultura convocou á representación do persoal a unha reunión.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/10/2022 | Actualizada ás 18:41

Comparte esta noticia

Todas as traballadoras da limpeza de Cidade da Cultura secundaron este xoves a primeira das dúas xornadas de folga convocada "en demanda de que se dignifiquen as súas condicións laborais", segundo sinalou a Confederación Intersindical Galega (CIG) nun comunicado.

As limpadoras concentráronse coas súas fregonas nos accesos ao complexo para denunciar a discriminación que sofren con respecto ao resto de persoal de empresas privadas con concesións de servizos de limpeza da administración autonómica, xa que teñen retribucións anuais 2.000 euros inferiores. Ademais, sinalaron que "traballan 4 horas máis á semana e non dispoñen de ningún día de asuntos propios".

O representante da CIG, Paulo Rubido, explicou que o persoal leva anos reclamando que se homogeinicen as condicións laborais de toda a limpeza da administración autonómica. Ademais, sinalou que "se pode dicir que practicamente só queda a Cidade da Cultura sen equiparar".

O representante da CIG lembrou que fai oito meses solicitouse formalmente unha reunión coa Consellería de Cultura para abordar esta situación, "pero que nin contestaron".

Tamén remitiron un escrito á Valedora do Pobo, do que si se obtivo resposta e, por mor da apertura dun expediente, a Fundación Cidade da Cultura convocou á representación do persoal a unha reunión.

A CIG apunta que "dixeron que ían realizar un estudo económico que presentarían en setembro, pero non presentaron nada" e que cando se solicitou a reunión "dixeron que non ían atender ningún tipo de reclamación".

A CIG advertiu que "de seguir ignorando as as súas demandas, irán máis aló coas mobilizacións", despois destas dúas xornadas de folga.

Traballadoras da limpeza de Cidade da Cultura este xoves durante a folga na que reclaman unhas condicións dignas. CIG
Traballadoras da limpeza de Cidade da Cultura este xoves durante a folga na que reclaman unhas condicións dignas. CIG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta