O pleno da Deputación de Pontevedra aproba o 'Plan Concellos 2023' coa abstención do PP

É o máis elevado da historia, con 44 millóns de euros.

Por E.P. | Pontevedra | 28/10/2022 | Actualizada ás 15:31

Comparte esta noticia

O pleno da Deputación de Pontevedra aprobou este venres o 'Plan Concellos 2023' cos votos favorables dos grupos do PSdeG-PSOE e o BNG e a abstención do Partido Popular. Tal e como subliñou o goberno provincial, este é o 'Plan Concellos' máis elevado da historia: está dotado con 44 millóns, un millón máis que o actual, para o financiamento regulado dos 59 concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes.

O deputado de Réxime Interior e Facenda da Deputación de Pontevedra, Carlos López Font
O deputado de Réxime Interior e Facenda da Deputación de Pontevedra, Carlos López Font | Fonte: DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA.

Na súa intervención, o deputado de Economía e Facenda, o socialista Carlos Font, destacou que "a Deputación volve responder, como fai ano tras ano, achegando máis recursos e máis mecanismos para afrontar a difícil situación económica internacional".

Tamén resaltou que, como novidade, este plan pon en marcha "novos mecanismos para asegurar non só a liquidez, senón tamén a creación de emprego", reformulando a Liña 3 para adaptala á reforma laboral pondo en marcha así un programa propio de políticas activas de emprego.

Ademais, abre a posibilidade de desviar ata un 30% dos fondos da liña 1 do Plan Concellos (Investimentos) ata a liña 2 (Pagos a provedores, débeda e gasto corrente).

Segundo dixo Carlos Font, é "un plan para todos, un plan de respecto á autonomía local e un plan de equidade, ao repartirse con criterios obxectivos e transparentes por enriba da cor política das alcaldías".

O portavoz do grupo do Partido Popular, Jorge Cubela, censurou que o goberno provincial describa os concellos "como parásitos, insolventes e paraísos fiscais" e criticou que "a realidade do Plan Concellos é que renuncian a defender e representar os concellos da provincia de Pontevedra".

Para os populares, a Deputación está "a fomentar a desigualdade na provincia" xa que "mentres os pequenos e medianos concellos están ao límite, vostedes seguen priorizando convenios coas dúas cidades", en referencia a Pontevedra e a Vigo.

O vicepresidente da Deputación, o nacionalista César Mosquera, botou en falta un "debate serio" sobre o financiamento dos concellos. "A Deputación fai un esforzo ímprobo porque o gasto por habitante que reciben os concellos de menos de 10.000 habitantes multiplica por catro o que perciben os concellos de máis de 50.000 habitantes desta provincia", explicou.

Durante o pleno, os populares defenderon dúas mocións, unha delas para rexeitar os Orzamentos Xerais do Estado para a provincia, e a segunda, para reclamar axudas para as traídas de augas veciñais. Ambas foron rexeitadas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta