Coordinador e supervisoras de Urxencias no CHUS poñen os seus cargos a disposición a pesar das carencias no servizo

Segundo un comunicado da Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS, tanto o coordinador de Urxencias no CHUS e as supervisoras apuntan como responsable da situación nesta área ao persoal de servizo nesa área.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 30/10/2022 | Actualizada ás 13:04

Comparte esta noticia

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS sinala que mediante unha fonte "confiable", tivo coñecemento da presentación dunha carta de posta a disposición do cargo por parte do coordinador de urxencias e das supervisoras por "desilusión co servizo e malestar con parte do persoal". No seu escrito, entre outras cousas, afirman: “o que máis nos desilusiona é ver como unha parte do persoal perdeu a esencia do traballo en urxencias".

Plácido Mayán
Plácido Mayán

No mesmo documento mencionado pola asociación, os responsables de Urxencias do Clínico de Santiago sinalarían que se deixou "de traballar en equipo, fiscalízase continuamente o traballo dos demais. Hai unha deixamento e unha omisión de funcións que repercute na atención e nos coidados dos pacientes".

Outro parágrafo do escrito apunta directamente ao persoal: "a día de hoxe, moitos de vós facedes caso omiso das instrución e do sistema de traballo. Vemos faltas de respecto e de educación diarias cara aos pacientes, familiares e demais profesionais”. 

A Asociación tamén sinala que este escrito de renuncia "coincide coa presentación doutro do persoal de enfermería en relación coas condicións da sala de observación". Algunha destas situacións foron denunciadas publicamente pola mesma Asociación por non cumprir cos estándares de intimidade visual e auditiva "e por ser empregada como un almacén de pacientes".

"Como usuarios do Sistema Público de Saúde, non podemos máis que sorprendernos polos motivos que esgrimen os responsables do servizo para formular a súa renuncia" sinalan desde a Asociación. Declaran que os responsables non están preocupados polos problemas sobre disposición de medios necesarios no propio servizo para que os pacientes cualificados como graves "non sexan colocados nos corredores de acceso, aínda que iso supoña vulnerar o dereito fundamental á intimidade e as normas reguladoras sobre seguridade no traballo do persoal sanitario". Así mesmo, os pacientes "sentímonos maltratados cando somos usados colocados nos corredores ou cando persoas nesa situación sofren crises graves que en máis dunha ocasión remataron en falecemento". 

No comunicado de pacientes e persoal, destacan que a recente reforma e ampliación da sala de observación non estea "debidamente acondicionada para garantir o dereito á intimidade visual e auditiva". Segundo isto "os pacientes de ambos sexos téñense que vestir, espir e realizar as necesidades fisiolóxicas a vista de todos". Na sala de observación "os pacientes co ingreso en planta asinado permanecen, en moitos casos, días cando non poden permanecer máis de 24 horas". Segundo o comunicado, esatríase facendo un uso dos servizo de urxencias que non se axusta aos mandatos legais.

"É indecente culpar da situación ao persoal sanitario do servizo por supostos incumprimentos do principio de obediencia debida a un superior xerárquico ou por saltar as instrucións de atención". O persoal sanitario vese obrigado a traballar en condicións de estrés intolerable que afectan á calidade de atención aos pacientes coa orixe "na inadecuada e irresponsable xestión dos recursos dispoñibles". 

Desde a asociación denuncian que o actual coordinador en colaboración da xerencia, "perseguiu laboralmente á doutora Fátima Nercellas por sacar dos corredores de acceso a dous pacientes graves". 

Desde a Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS consideran que a forma de actuar do coordinador e das supervisoras non os capacita para seguir á fronte da dirección das urxencias no CHUS e esixen que a xerencia asuma a súa cota de responsabilidade por permitir o aitual grado de deterioro do servizo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta