O BNG chama a mobilizarse o 18 de decembro en Santiago contra a crise de prezos

A formación nacionalista inicia este mércores unha campaña ante un "aumento da desigualdade social sen precedentes".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/10/2022 | Actualizada ás 14:09

Comparte esta noticia

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) avanzou este luns a convocatoria dunha manifestación para o domingo 18 de decembro en Santiago de Compostela para protestar contra a crise de prezos. Así o anunciou a responsable da área de organización, Lucía López, nunha rolda de prensa que se celebrou con motivo da presentación da nova campaña que pon en marcha a formación baixo o lema 'Contra a crise de prezos hai alternativas'.

Desta forma, sinalou que con esta campaña o que buscan é chegar a "cada recuncho" de Galicia, para presentar as propostas que propón o BNG. "Impulsar un cambio estrutural na nosa economía, pero tamén actuar con urxencia para que unha vez máis non pague esta crise quen máis ten", indicou.

Esta iniciativa está motivada pola "desorbitada subida de prezos que trae con ela a inflación" e que leva un "aumento da desigualdade social sen precedentes", así como un "empobrecemento xeneralizado do pobo galego".

Vivenda, electricidade, combustibles ou produtos básicos da cesta da compra "continúan aumentando o seu prezo", o que supón un "grave problema" para as persoas e para os sectores profesionais. "Cada vez máis empobrecidos e cun goteo continuo de empresas que están a paralizar a súa actividade con todo o que iso leva", incidiu López.

"SITUACIÓN LÍMITE"

Así, remarcou dous sectores galegos en "situación límite" como son o agrogandeiro e o pesqueiro, "aínda máis afectado polo veto da Unión Europea á pesca de fondos". Desta forma, López criticou que esta crise de prezos "demostra en Galicia o prexudicial que é carecer de soberanía e de capacidade para defenderse da crise".

A responsable da área de organización do BNG, Lucía López, nunha rolda de prensa. BNG
A responsable da área de organización do BNG, Lucía López, nunha rolda de prensa. BNG | Fonte: Europa Press

Con todo, sinalou que nesta crise "hai quen gaña e moito". Nesta liña, nomeou ás empresas do IBEX35 que en 2021, en palabras de López, obtiveron "uns beneficios marca" de 58.000 millóns de euros. "En tan só os primeiros meses do 2022, as grandes eléctricas gañaron 3.548 millóns de euros", criticou. Así mesmo, advertiu que a "toda esta situación" se lle suma o "recorte dos servizos públicos".

PROPOSTA DO BNG

"En todo este contexto non podemos permitir que o Goberno e a Xunta sigan paralizados e optando por medidas cosméticas", criticou López antes de presentar algunhas das propostas da formación nacionalista. Ante isto, o BNG propón o incremento da presión fiscal sobre as grandes empresas e patrimonios e perseguir a fraude fiscal; intervención pública do sector eléctrico para controlar os prezos e recortar os beneficios das eléctrica e impulsar unha tarifa eléctrica galega.

Tamén expuxo a protección do tecido empresarial e produtivo galego a través de axudas ás pemes, autónomos e cooperativas; promover a paz e o final da guerra de Ucraína "pondo fin á escalada militar" e "frear o gasto" de armamento nos Orzamentos Xerais do Estado (PGE). Así mesmo, fixo referencia ao aumento das contías das prestacións sociais como as axudas de violencia machista, a Risga ou o Ingreso Mínimo Vital, así como, incrementar as pensións e os salarios máis baixos ata o 60 do soldo medio actual.

Para levar a cabo esta campaña, que empeza este mércores en Ourense, repartirán folletos informativos na rúa, encontros cos colectivos afectados, e realizarán "unha intensa axenda" de actos públicos e actividades en todas as comarcas. Finalmente, fixo un chamamento a todas as persoas a mobilizarse, saír á rúa e a facer presión social para que "unha vez máis non sexan os que menos teñen que paguen esta crise".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta