O pleno debate o vindeiro martes a lei do xogo promovida pola Xunta

Pontón (BNG) preguntará polos orzamentos "insolventes e insolidarios" e Álvarez (PSdeG) por que medida suple o cartón básico

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/11/2022 | Actualizada ás 15:10

Comparte esta noticia

O pleno do Parlamento debaterá a semana que vén a Lei do xogo promovida pola Xunta, unha normativa que comezará a tramitarse agora tras as consultas cos distintos axentes e que situará, en palabras dos populares á Comunidade galega á "vangarda" na materia.

A tramitación da normativa farase en paralelo á Lei de medidas fiscais e administrativas, que entrará en vigor antes --en xaneiro de 2023-- e que contempla unha rebaixa dos impostos para os bingos en Galicia. Neste sentido, o portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, defendeu, a preguntas dos xornalistas, que o sector do xogo é "moi amplo" e a rebaixa fiscal é só para un ámbito concreto que, de feito, está --dixo-- "en franco declive".

Á marxe desta proposta lexislativa impulsada polo Goberno galego, tamén se inclúe na orde do día a tramitación da lei de estabilización do emprego público, a cal se debaterá cunha redución de prazos á metade ao optar pola vía de urxencia, co fin de pola en práctica canto antes.

O pleno tamén incluirá a proposición non de lei impulsada polo PSdeG para pedir unha comisión de investigación no Parlamento de Galicia polo "desvío de 159 millóns" dos fondos covid transferidos do Goberno central á Xunta en 2020.

En opinión do portavoz parlamentario do PSdeG, Luís Álvarez, se os populares "teñen tan claro a que foron destinados" eses fondos --que, insisten, o Consello de Contas non identifica o seu informe de fiscalización--, non debería haber "motivo" para abrir a comisión e pechala "en pouco tempo se as contas resultan tan evidentes como din que son".

Pola súa banda, o BNG introduciu iniciativas relativas para fomentar a igualdade no mes en que está fixado, o 25 de novembro, o día contra da violencia machista. A viceportavoz parlamentaria do BNG, Olalla Rodil, indicou que a través dunha iniciativa de impulso pedirase ao Goberno galego que "se deixe de financiar con diñeiro público" os concertos educativos con centros que segregan por sexo, os cales caducan en 2023.

Entre as propostas dos populares, sitúase unha proposición non de lei sobre os compromisos da alta velocidade galega na súa conexión con Portugal, precisamente cando España e Portugal celebran en próximos días o cume bilateral e o país veciño comprometeu fondos para a conexión con Galicia.

SESIÓN DE CONTROL

Mentres, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, preguntará ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, se cre que os orzamentos "insolventes e insolidarios" presentados polo Goberno galego na Cámara "van resolver os problemas" dos galegos; mentres que o portavoz parlamentario do PSdeG, Luís Álvarez, tratará de arrincar unha explicación sobre "cales son as medidas para suplir e garantir os beneficios" do cartón básico á cidadanía.

A sesión plenaria ordinaria tamén acollerá debates sobre os eólicos, sanidade, a situación da CRTVG --tras a manifestación convocada para este domingo-- e o transporte escolar. Ademais, comparecerá o conselleiro de Medio Rural, José González, tras finalizar a campaña de incendios.

AUSENCIAS POR COVID

Noutra orde de cousas, este mes de novembro será o último no que os deputados poderán delegar o voto no portavoz parlamentario do seu grupo ou outra persoa se presentan sintomatoloxía por covid-19.

Os deputados reformaron de maneira exprés o regulamento que rexe a Cámara para permitir esta delegación de voto en pandemia, cando as condicións de illamento polo coronavirus imposibilitaban saír do illamento.

Ata agora mantívose a prórroga desta decisión, que supuña xustificar a ausencia do deputado enfermo e contabilizar o seu voto, algo que só ocorre de forma estándar para a situación de embarazo ou permiso por nacemento de fillo. Este mes, no entanto, será o último en que esta excepción estea vixente.

Xunta de portavoces do Parlamento galego
Xunta de portavoces do Parlamento galego | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta