A metade das familias galegas necesita axudas para o gasto do comedor escolar en Primaria

O 15,5% non sabe como acceder a elas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/11/2022 | Actualizada ás 12:02

Comparte esta noticia

O 50,8% das familias do alumnado de Educación primaria que acode ao comedor escolar necesitan unha axuda para poder facer fronte aos gastos, pero o 15,5% non sabe como acceder a ela.

Son datos extraídos do estudo 'O Comedor escolar. A visión das familias', publicado pola ONG Educo e no que se analiza a percepción e o acceso aos comedores nas escolas públicas de Primaria. O informe reflicte que o 49% do alumnado galego de educación primaria emprega este servizo.

Así mesmo, a asistencia diaria ao comedor nos fogares con rendas máis baixas alcanza o 56,25%, mentres nos máis altos se sitúa no 48,58%. O informe destaca que máis do 90% das familias enquisadas apoia a disposición de prazas independentemente do nivel de renda e o 73% utilizaríao todos os días se fose gratis.

O estudo destaca que, aínda que o 50,8% da familia consultadas afirma que necesita axuda para facer fronte ao custo do comedor, só o 32,1% solicitou unha destas bolsas. Así, Educo alerta que os resultados mostran que o 15,5% das familias non solicitaron esta subvención porque non sabían como facelo.

Nesta liña, a delegada territorial de Educo en Galicia, Mónica Viqueira, sinalou nun comunicado que "isto é preocupante" e que, aínda que estes procesos levan anos en funcionamento, "seguen sendo descoñecidos para unha parte da poboación que podería beneficiarse".

Doutra banda, Educo solicitou que nos orzamentos da Xunta para 2023 se invista máis nos comedores escolares. Segundo as estimacións da organización, Galicia requiriría un investimento de 47,3 millóns de euros para garantir este servizo gratuíto ao alumnado en risco de pobreza e exclusión.

Imaxe de arquivo dun neno nun comedor. EDUCO
Imaxe de arquivo dun neno nun comedor. EDUCO | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta