Estrea en Ourense do filme '13 exorcismos' antes da súa chegada a case 300 salas de cinema

"A aposta polo audiovisual deste goberno provincial xa fai moito que é unha realidade con froitos como estes cen minutos de película", sinalou Manuel Baltar, o presidente da Deputación provincial.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/11/2022 | Actualizada ás 19:29

Comparte esta noticia

A cidade de Ourense foi estudio de rodaxe para a película '13 exorcismos' e tamén lugar do trinque da súa proxección antes da chegada a 289 salas de cinema de toda España na xornada de mañá.

"A aposta polo audiovisual deste goberno provincial xa fai moito que é unha realidade con froitos como estes cen minutos de película", sinalou Manuel Baltar, o presidente da Deputación provincial, na presentación do filme acompañado polo director, Jacobo Martínez, o produtor, Ramón Campos, o director de Agadic, Jacobo Sutil, e parte do elenco.

A película está inspirada nos recentes casos de exorcismo documentados en España a través de informes xudiciais e libros, nos que varios exorcistas falan dos casos que se ocuparon durante a súa carreira.

Máis en concreto, a película narra o último caso real de exorcismos practicado en España, en 2014, cando unha moza de dezasete anos con trastornos psiquiátricos foi sometida a varias sesións.

Así o argumento vira ao redor dunha sesión de espiritismo, despois de que a nova Laura Villegas comezase a comportarse de forma estraña, polo que os seus pais, convencidos de que o demo a posuíu, acoden ao pai Olmedo, un dos 15 exorcistas autorizados en España polo Vaticano para intervir en casos de posesións demoníacas.

FENÓMENOS ESTRAÑOS

A partir de aí unha serie de fenómenos estraños comezan a envolver a historia. "Son coruñés, poder facer unha premiere deste tipo aquí era impensable fai catro ou cinco anos. Para nós é un orgullo, é estar en casa", sinalou o director, Jacobo Martínez, para o que é a súa ópera prima como director aínda que xa foi premiado como director de fotografía traballando en series como 'Jaguar', 'Velvet' ou 'Fariña'.

Ademais, sinalou que o guión "non tenta situarse ou adoutrinar", senón que o público "vai poder ver uns feitos e desenvolver a súa propia opinión baseada en ciencia ou relixión", apuntando que "foi moi difícil equilibrar eses dous elementos e que dese medo e conseguiuse".

Unhas palabras que tamén reiterou o produtor da obra, Ramón Campos, asegurando que a película "deixa a porta aberta a que cada un escolla o seu punto de vista", e animando ao público a asistir a algunha das 289 salas de cinema para "gozar pasando moito medo".

APOSTA ESTRATÉXICA

Pola súa banda, o responsable da Axencia Galega de Industrias Culturais de Galicia, Agadic, Jacobo Sutil, subliñou a aposta da Xunta de Galicia por este sector que cualificou de "estratéxico" para a comunidade autónoma.

Mentres, o presidente da Deputación de Ourense puxo en valor esta "estrea nacional" destacando que se trata de "un paso máis na consolidación de Ourense como un centro do audiovisual".

"Nos últimos anos rescatamos o Festival Internacional de Cinema, creamos unha estratexia de captación de rodaxes, estamos a vivir un 2022 histórico con ata cinco películas simultáneas, impulsamos a Ourense Filme Commission, e agora celebramos esta premiere, unha produción de primerísimo nivel", enxalzou Manuel Baltar.

Neste sentido o elenco da película, que conta entre outros nomes co de José Sancristán, Urko Olazábal, María Romanillos ou Cristina Castaño, convidou a acudir ás salas para "gozar da película" e para "apoiar ao sector".

Sala de cinema. AIMC
Sala de cinema. AIMC

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta