O 12% do estudantado da USC sufriu acoso sexual online sendo menor de idade

Un estudo preliminar da institución docente mostra que o 3% das persoas enquisadas foron obrigadas a gravarse durante unha relación sexual.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/11/2022 | Actualizada ás 14:17

Comparte esta noticia

O 12% dos 3.470 estudantes de primeiro e segundo de carreira da Universidade de Santiago de Compostela (USC) que participaron nunha investigación sobre ciberviolencia confesou sufrir acoso sexual a través de Internet por parte dun adulto cando era menor de idade e o 88% da mocidade recoñece consumir pornografía.

O estudo, cuxos datos son aínda preliminares, foi feito polo grupo de investigación Esculca da facultade de Ciencias da Educación e ten como obxectivo avaliar as novas formas de ciberviolencia sexual derivadas das condutas sexuais en liña no ámbito universitario. As investigadoras Patricia Alonso Ruído, Cristina Varela Portela e Iris Estévez Blanco insistiron en que "hai que ter en conta que se fala de violencia e debemos entender os datos desde unha perspectiva humana".

Deste xeito, sinalaron que a idade media do estudantado enquisado, dunha poboación universitaria total que supera os 19.000 estudantes, é de 18,3 anos. Ademais, o informe especifica que o 30% identifícase como home, o 68,8% como mulleres e o 1,2% como persoas non binarias.

Os resultados preliminares presentados este venres indican que o 12% das persoas foron vítimas de 'groomig', é dicir, a acción deliberada dun adulto de acosar sexualmente un menor a través dun medio dixital. Ademais, puntualizaron que o 80% das vítimas foron mulleres, fronte ao 18% de homes e o 2% de persoas non binarias.

Así mesmo, os datos recollidos mostran que o 52,6% dos estudantes de primeiro e segundo de carreira consome ou consumiu pornografía e empezou a unha idade media de 14 anos. De forma desagregada, o 37% das mulleres recoñeceron na enquisa ver porno, fronte ao 88% dos homes e o 64% das persoas non binarias.

Nesta liña, os resultados preliminares subliñan que o 60,3% buscou material sexual en internet e o 4% recoñece ter algunha páxina sexual gardada en favoritos. Ademais, o 50% sinalou haberse masturbando vendo pornografía.

SEXTING E SEXTORSION

O informe revela que o 45% do estudantado enviou vídeos ou fotos de carácter sexual e o 61% enviou textos eróticos. Así, o 7,35% revela ser vítima de presión ou chantaxe antes ou despois de realizar sexting, sendo as 87% mulleres. Estes datos preliminares tamén indican que o 3% das persoas enquisadas foron presionadas ou obrigadas algunha vez pola súa parella afectivo sexual a sacar fotos ou vídeos durante unha relación sexual. Ademais, o 2,4% sinala que unha exparella se vingou ensinando a terceiras persoas ou difundindo vídeos de carácter sexual.

FONDOS DO PACTO DE ESTADO CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

Este estudo, cuxos resultados definitivos se coñecerán a próxima semana, é parte dunha convocatoria para proxectos de investigación financiada polos fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, que distribúe a secretaria xeral de Igualdade da Xunta.

Así mesmo, a decana da facultade de Ciencias da Educación, Mar Lorenzo, explicou que con estes fondos "se tentan financiar proxectos que teñen difícil acomodo nos plans de I+D+i xerais e financiar os proxectos de investigadoras novas".

Pola súa banda, a delegada do reitor para a Igualdade da USC, Marta Pérez Pereiro, sinalou que se trata dun "proxecto modesto, pero moi ambicioso, que proporciona datos sobre un tema moi concreto no que é necesario incidir".

A delegada do reitor para a Igualdade da USC, Marta Pérez Pereiro; a decana da facultade de Ciencias da Educación, Mar Lorenzo;  e a directora do proxecto de investigación, Patricia Alonso Ruído,  na presentación dos darvos preliminares
A delegada do reitor para a Igualdade da USC, Marta Pérez Pereiro; a decana da facultade de Ciencias da Educación, Mar Lorenzo; e a directora do proxecto de investigación, Patricia Alonso Ruído, na presentación dos darvos preliminares | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta