Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 04/11/2022 | Actualizada ás 15:33
O presidente da Federación Nacional de Confrarías de Pescadores e patrón maior de Burela, Basilio Otero, estimou hoxe que as capturas de peixe no palangre reducíronse á metade tras o veto de Bruxelas á pesca de fondo.
Otero ofrecía este dato, á vez que confirmaba que teñen programada unha reunión co comisario europeo de Pesca para o 18 de novembro, onde xa avanza que falarán "do plan multianual do Mediterráneo". "Aínda que alí non hai cotas, si que hai días de pesca e hai algún barco aos que só se lle dá 130 días para ir faenar", explicou.
Outro aspecto que tratarán é o veto á pesca de fondo, deslizando que "esperanza sempre hai", en canto a que se dea marcha atrás. De todos os xeitos, contrapuxo que "vai ser difícil porque o comisario demostrou que é moi teimoso".
"Xa houbo máis reunións con el, tanto de gobernos como de organizacións. Nós como organización que ten máis embarcacións de artes menores, á parte de embarcacións de altura, esperamos que nos escoite e nos faga algún tipo de agarimo, a ver se é verdade. Con esperanza, imos", insistiu.
Basilio Otero acreditou que, desde o veto, a "situación é complicada", tanto é así que "baixaron as capturas á metade no palangre de fondo". "Sobre todo hai que esperar moitas veces quenda. Bótanse dous ou tres días no mar esperando a que un compañeiro saia para poder entrar el. Non hai mar para todos", resolveu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.