Continúa moi grave o home ferido no lume iniciado na antiga Pontesa, que xa está controlado

Produciuse por un chispazo nunha nave anexa. O Platerga continúa activado. Mensaxes de ánimo ao ferido, edil do PSdeG.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/11/2022 | Actualizada ás 19:02

Comparte esta noticia

O home de 59 anos que resultou ferido este domingo no gran incendio iniciado nunha nave anexa á antiga fábrica de Pontesa, en Pontevedra, continúa ingresado con prognóstico moi grave no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac).

O lume iniciouse nunhas instalacións de almacenamento de sementes que hai en Ponte Sampaio. Permanece controlado desde as 23,30 horas do domingo, pero os servizos de emerxencias levan traballando toda a noite para arrefriar a zona, segundo informa o 112 Galicia.

O incendio causou feridas a tres persoas, entre eles un bombeiro afectado de carácter leve. Dos outros dous homes, un de 44 anos foi socorrido no propio lugar dos feitos, mentres que o outro, un empregado de 59, é o que permanece na Unidade de Queimados do Chuac con queimaduras no 85 por cento do seu corpo, segundo informan a Europa Press fontes sanitarias.

Os medios de extinción traballaron no lugar durante toda a noite para refrigerar os puntos quentes. Tal e como indican fontes do operativo, na mañá deste luns xa só quedan membros do parque de bombeiros de Pontevedra, que vixían a zona con cámaras térmicas, e unha cisterna da Axencia de Emerxencias de Galicia (Axega). Efectivos doutras dotacións de bombeiros chegadas desde distintos puntos, como o parque do Morrazo e o de Ribadumia, xa abandonaron a zona de madrugada.

Incendio na fábrica de cerámica Pontesa - Twitter
Incendio na fábrica de cerámica Pontesa - Twitter

MENSAXES DE APOIO

Cargos socialistas e institucións locais enviaron mensaxes de apoio ao concelleiro do PSdeG-PSOE en Marín Bendito González Dopazo, que o domingo resultou ferido moi grave con queimaduras no incendio rexistrado nunha nave anexa á antiga fábrica de Pontesa en PonTe Sampaio, en Pontevedra.

O edil, de 59 anos, permanece ingresado na Unidade de Queimados do Complexo Hospitalario Universitario dA Coruña (Chuac) con queimaduras no 85 por cento do seu corpo, segundo indican a Europa Press fontes sanitarias.

O Concello de Marín, a través das súas redes sociais, enviou todo o seu "ánimo e apoio aos familiares e achegados" do concelleiro, así como ao PSdeG-PSOE. Tamén mostrou a súa "máxima preocupación" o secretario provincial do PSdeG-PSOE de Pontevedra e delegado do Estado na Zona Franca de Vigo, David Regades. Tamén o deputado autonómico e exlíder do PSdeG Gonzalo Caballero confiou en que os tres feridos neste incendio teñan unha "boa recuperación".

LUME

Sobre as 16:00 horas da tarde do domingo, un chispazo nunha fábrica anexa á antiga Pontesa na zona de Arcade ,en Soutomaior, deu lugar a un incendio que obrigou a cortar a N-550. 

Ata o lugar desprazáronse varias dotazóns de bombeiros de Pontevedra, Garda Civil, Policía Local, Policía Nacional e Protección Civil de Soutomaior. O lume xa está controlado polos bombeiros, e calcinou unha das estruturas, aínda que as contiguas están fóra de perigo. 

A Xunta de Galicia activou o Plan Territorial de Emerxencias de Galicia, Platerga. A estrada reabría preto das 21,00 horas tras permanecer cortada desde o km 132.2 en Paredes ata o 133.6, en ambos os sentidos, desde as 19,00 horas. Tamén a esta hora, o propio Concello de Pontevedra informaba de que os bombeiros confirmaron que o incendio xa foi controlado.

Segundo informou o 112, co Platerga "garántese a coordinación entre os organismos mobilizados para facer fronte á situación de risco". Na zona traballan os Bombeiros de Pontevedra, do Morrazo, de Ribadumia, a AVPC de Soutomaior, a Garda Civil e a Policía Local. Ademais, están a empregarse dúas cisternas da Axencia Galega de Emerxencias de gran capacidade para fornecer auga aos medios desprazados.

TRES FERIDOS

Pola súa banda, o 061 informou de que recibiron a alerta do incendio ás 18,09 horas. Ao lugar desprazaron dúas ambulancias asistenciais de Soporte Vital Avanzado e outra de Soporte Vital Avanzado Enfermeiro de Urxencias Sanitarias de Galicia - 061.

Polo momento atenderon a tres feridos por queimaduras, dous deles socorridos no propio lugar --uno dado de alta do que non constan datos e outro, un home de 44 anos--, así como outro de 59 anos que foi trasladado ao Hospital da Coruña con queimaduras de consideración.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta