O comité de Navantia Ferrol denuncia "xornadas abusivas que chegan a superar as 70 horas semanais"

Presentou ante Inspección de traballo 45 denuncias contra 44 empresas auxiliares e a súa propia compañía

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/11/2022 | Actualizada ás 18:18

Comparte esta noticia

O comité de empresa de Navantia Ferrol presentou ante Inspección de traballo 45 denuncias contra 44 empresas auxiliares e a súa propia compañía "polas xornadas abusivas que están a sufrir tanto os operarios da principal como das compañías e que lonxe de tentar solucionar o paro da comarca, os empresarios están a aproveitarse o medo a ser despedidos e estanse producindo algúns casos nos que se chegan a superar as 70 horas semanais", tal e como denunciou o portavoz deste comité de empresa, Miguel Pol (CCOO).

Ditas manifestacións realizounas este martes tras presentar estas denuncias no edificio administrativo da Xunta en Ferrol, onde acudiron tamén en manifestación os operarios do sector naval, que os levaron a abandonar durante unha hora o estaleiro. "Navantia no canto de dar solución e de corrixir a situación, o que está a facer é autorizar ese tipo de xornadas, e por iso, imos continuar coas medidas de presión", detallou Pol.

Ao tempo, manifestou que "esperan que se deixe de facer presión e que non se permita facer este tipo de xornadas nunha empresa pública, que son inxustificadas e están a producir nalgúns casos serias dificultades familiares por parte dalgúns traballadores para seguir esas quendas". Ademais, agregou, danse "serias depresións" porque estas xornadas "están a pasar facturas de tipo psicolóxico".

CUMPRIR O CONVENIO PROVINCIAL

Desde a parte social tamén se reclamou que todas as empresas auxiliares que prestan os seus servizos no estaleiro "cumpran co convenio provincial do metal, xa que é algo que non se está facendo, algo do que é tamén consentidora Navantia".

Pol incidiu que estes problemas se están dando sobre todo na área de Reparacións e naquelas seccións "que non tiveron as incorporacións que se tiñan que producir e iso supón tamén unha saturación".

Concentración ante a entrada de Navantia Ferrol
Concentración ante a entrada de Navantia Ferrol

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta