O PP acepta a petición do BNG para ter un informe sobre a área de pediatría en atención primaria

O Parlamento demanda que Sanidade presente nun prazo máximo de tres meses un documento no que debe figurar o número de pediatras que traballan en atención primaria, a súa distribución por centros sanitarios, situación laboral e número de nenos que atende cada un.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/11/2022 | Actualizada ás 16:34

Comparte esta noticia

O PP permitiu cos seus votos que prosperase unha demanda levada ao pleno do Parlamento de Galicia polo Bloque Nacionalista Galego que pide ao Servizo Galego de Saúde a elaboración dun informe sobre a situación dos servizos pediátricos na atención primaria do sistema público de saúde en Galicia.

A petición, que dá un prazo de tres meses á Consellería de Sanidade para presentar a análise ante o Lexislativo galego, forma parte dunha proposición non de lei levada polos nacionalistas á sesión plenaria que arrincou o martes e continuou este mércores.

O resto da iniciativa, que foi debatida a última hora do martes, foi tombada polo grupo maioritario, que si aceptou votar por separado os puntos que expuñan a realización deste informe, cuxo encargo foi, así pois, apoiado por todo o hemiciclo.

En concreto, o Parlamento demanda que Sanidade presente nun prazo máximo de tres meses un documento no que debe figurar o número de pediatras que traballan en atención primaria, a súa distribución por centros sanitarios, situación laboral e número de nenos que atende cada un.

Tamén pide información desagregada por concellos sobre os centros de saúde que carecen de atención pediátrica, así como que se poña sobre a mesa o número de xubilacións de profesionais da pediatría que están previstas en atención primaria para o próximos cinco anos.

Así as cousas, a parte da iniciativa da formación frontista que foi rexeitada polos populares reclamaba que a Cámara demandase á Xunta compromisos para garantir "que todos os nenos e nenas galegas en idade pediátrica teñan asistencia en atención primaria por un profesional especialista en pediatría, independentemente de onde resida".

OUTRAS INICIATIVAS, REXEITADAS

Ademais, durante a sesión tamén foi rexeitada pola postura contraria do PP outra proposición non de lei defendida polo BNG --a través do deputado Paulo Ríos-- que demandaba ao Goberno galego un plan específico para favorecer a inclusión laboral en condicións "dignas" da mocidade, para a que tamén pedía políticas de vivenda e un programa de regreso da emigración.

O 'non' do grupo maioritario foi xustificado polo seu deputado Adrián Pardo, que acusou á oposición de "só estar interesada nos votos dos mozos" e de estar instalados "no postureo".

Tamén foron rexeitada polos votos do PP outra iniciativa, neste caso presentada polo PSdeG, que pedía o respaldo dos grupos para a creación dunha comisión de investigación parlamentaria orientada a dilucidar o destino de fondos covid despois dun informe do Consello de Contas que, segundo os socialistas, pon en cuestión que estas transferencias de fondos estatais fosen destinadas a gasto sanitario.

Sobre esta última, o parlamentario José Manuel Rey Varela (PP) acusou aos socialistas de "retorcer" o regulamento da Cámara porque carecen do mínimo de representación para poder rexistrar unha petición de comisión de investigación.

Imaxe do Hemiciclo do Parlamento de Galicia. PARLAMENTO DE GALICIA
Imaxe do Hemiciclo do Parlamento de Galicia. PARLAMENTO DE GALICIA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta