Liorta parlamentaria entre socialistas e populares ante a falta de "axilidade" en tramitar os parques eólicos

A segunda das iniciativas relacionadas coa enerxía eólica foi levada ao Hórreo polos socialistas e ten como protagonista a factoría de Alcoa en San Cibrao --Cervo--, xa que a multinacional estadounidense asinou dous acordos de subministración enerxética.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/11/2022 | Actualizada ás 16:52

Comparte esta noticia

O desenvolvemento do sector eólico en Galicia uniu este mércores ao Partido Popular e ao Partido Socialista no Parlamento galego onde, a pesar de cruzar reproches e culpas sobre a responsabilidade nos "atrasos" na tramitación de novos proxectos, apoiaron dúas iniciativas que piden "axilizar" os pasos administrativos para que poidan desenvolverse as iniciativas de aproveitamento do vento para xerar electricidade na comunidade.

A enerxía eólica e a súa implantación centrou dúas do seis proposicións non de lei que foron debatidas na mañá deste mércores na sesión plenaria da Cámara autonómica. Ambas, unha en sentido xenérico e outra centrada nos parques asociados a fornecer a planta de Alcoa na Mariña, saíron aprobadas con idéntico resultado: apoio de populares e socialistas e abstención do BNG.

As iniciativas, presentadas por PP e PSOE, demandan "axilidade" na tramitación administrativa de proxectos eólicos, que socialistas e populares consideran "fundamentais" para o desenvolvemento da comunidade e o seu tecido económico.

A primeira delas, a dos populares, está dirixida ao Goberno central para reclamar a ampliación dos prazos que establece o decreto aprobado en xuño de 2020 e que fixo que, en palabras da parlamentaria Marta Novoa, "se multipliquen por nove" as solicitudes para a implantanción de parques.

Así as cousas, a Cámara fai súa unha demanda tamén manifestada pola Xunta, que a comezos do mes de outubro manifestou en sede parlamentaria que os prazos marcados por este decreto gobernamental pon en risco estes proxectos.

"É imprescindible que o Goberno de España promova unha ampliación dos prazos que permitan sacar adiante os proxectos ben traballados e que son proveitosos para Galicia", recalcou na súa intervención a parlamentaria popular, que cifrou en 125 as iniciativas que "poden perder" o seu permiso de conexión e acceso polas condicións establecidas desde Madrid.

Pola súa banda, a deputada socialista Begoña Rodríguez Rumbo sinalou á Xunta como responsable dos "atrasos" na tramitación dos parques eólicas. "Os atrasos débense á incapacidade de dar solucións ao sector estratéxico", apostilou antes de apuntar que apoian a iniciativa "por responsabilidade" pero que estarán "expectantes" sobre o seu cumprimento.

"O Partido Popular é soamente garante daquilo que lles convén", engadiu a encargada de defender a postura do PSdeG, que instou á Xunta a axilizar os trámites, especialmente naqueles asociados á eólica mariña, que representa "unha oportunidade histórica" que Galicia "non pode perder por culpa dun goberno que perde o tempo en protestar e non en actuar".

"Son garantías ambientais aprobar un proxecto sen estudo de impacto amibental en Rede Natura?", preguntouse o deputado do BNG Luís Bará, en alusión á paralización xudicial cautelar decretada pola xustiza para a ampliación do parque da Serra do Oribio, en Lugo; exemplo para os nacionalistas do "ecocidio" que, di, leva a cabo a Administración autonómica co seu sistema de "depredación" do territorio.

Tras cuestionar a afirmación recollida na redacción dos populares de que a Xunta aposta por un modelo eólico "sustentable, garantista e respectuoso" cando "levaron á parálise absoluta" ao sector ao recorrer o decreto aprobado durante o goberno bipartito, Bará acusou ao Goberno autonómico de "montar" en Galicia un "gran casino eólico" coa súa "falta de control" sobre as iniciativas empresariais.

EÓLICA PARA ALCOA

A segunda das iniciativas relacionadas coa enerxía eólica foi levada ao Hórreo polos socialistas e ten como protagonista a factoría de Alcoa en San Cibrao --Cervo--, xa que a multinacional estadounidense asinou dous acordos de subministración enerxética coas compañías Endesa e Greenalia que están ligadas ao desenvolvemento de parques eólicos dos que sairía a electricidade que, segundo o anunciado, empregaría a planta a partir da reactivación das súas cubas en 2024.

Así as cousas, o apoio dos populares permitiu que esta proposición do PSdeG saíse adiante despois que estes aceptasen incluír unha emenda coa que o grupo maioritario sumou ao Goberno central aos deberes que se piden á Xunta para que estes proxectos eólicos reciban o visto e prace administrativo e a planta de Alcoa poida contar con "un prezo da enerxía competitivo".

A iniciativa, defendida pola deputada socialista Patricia Otero, non foi apoiada polo Bloque, que optou pola abstención despois de que o grupo propositor non aceptase incluír a súa emenda. "Hai que pregutarse se se está usando a situación dos traballadores de Alcoa para que os amigos do PP sigan gañando diñeiro a mancheas", apostilou o parlamentario nacionalista Daniel Castro.

Unha vaca fronte a aeroxeradores no parque eólico de Montouto, da Serra do Xistral, na comarca de Terra Cha/ Carlos Castro - Europa Press. / Europa Press
Unha vaca fronte a aeroxeradores no parque eólico de Montouto, da Serra do Xistral, na comarca de Terra Cha/ Carlos Castro - Europa Press. / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta