Sabes o que cobran os alcaldes de Galicia en tempo de crise?

O de Pontevera, o que máis cobra. Hai máis dunha ducia de rexedores, ademais dos de seis das grandes cidades, que perciben máis de 50.000 euros.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/11/2022 | Actualizada ás 20:48

Comparte esta noticia

O Ministerio de Facenda fixo públicos os soldos dos rexedores galegos en 2021, un ano no que os alcaldes de Pontevedra e Vigo, Miguel Anxo Fernández Lores (71.639 euros) e Abel Caballero (71.412 euros), percibiron as maiores cantidades. Pola súa banda, unha ducia de rexedores de pequenos municipios non cobran polo seu cargo municipal, mentres hai 31 concellos que non ofrecen datos, entre eles Ourense, que dirixe Gonzalo Pérez Jácome.

Os rexedores de Pontevedra e Vigo xa foron en 2020 os que percibiron un maior salario, segundo a anterior listaxe publicando por Facenda, e mantéñense á cabeza do ranking, aínda que Lores fai constar que ingresou algo menos de mil euros menos en 2021. Caballero, pola súa banda, cobrou uns 637 euros máis, segundo a información recompilada por Europa Press.

Entre as sete cidades, tras Pontevedra e Vigo, en 2020 figuraba Pérez Jácome como o terceiro rexedor que máis cobraba (69.926 euros foi o dato oficial que trasladou), pero na listaxe de 2021 Facenda sitúao como o titular dun dos concellos que non proporcionou información.

Si o fan os rexedores da Coruña, Inés Rey (69.218 euros); Lugo, Lara Méndez (68.796 euros); Santiago, Xosé Sánchez Bugallo (52.454 euros); e Ferrol, Ángel Mato (40.000 euros). Todos eles percibiron polo seu cargo municipal salarios similares aos do anterior exercicio.

Máis aló das sete cidades, os alcaldes que perciben máis de 50.000 euros superan a ducia. Todos cobran máis que o rexedor de Ferrol e algúns máis que o da capital de Galicia.

Aquí atópanse: Oleiros, Anxo García Seoane (58.572 euros); A Estrada, José López Campos (58.372 euros); Ribeira, Manuel Ruiz Rivas (57.243 euros); Culleredo, José Ramón Riobóo (56.683 euros); Arteixo, José Carlos Calvelo (56.604 euros); ou Narón, Marian Ferreiro (55.383 euros).

Tamén superan os 50.000 euros polo menos os rexedores de Betanzos, A Laracha, Ordes, O Grove, Lalín, Marín, Vilanova de Arousa e Vilagarcía de Arousa, onde ten o bastón de mando o socialista Alberto Varela, tamén presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).

Mentres, os salarios dos presidentes das deputacións galegas en 2021 foron os seguintes: Pontevedra, Carmela Silva (77.621 euros); A Coruña, Valentín González Formoso (72.953 euros); Ourense, Manuel Baltar (72.325 euros); e Lugo, José Tomé (68.914 euros), quen tamén percibe 7.700 euros polo seu posto de alcalde, segundo datos de Facenda.

UNHA DUCIA SEN SOLDO

Ademais, hai ao redor dunha ducia de alcaldes en Galicia de pequenos concellos ou intermedios que non perciben soldo polo seu cargo municipal. En concreto, trátase dos rexedores da Capela, Pontedeume, Mondoñedo, Ribeira de Piquín, O Barco de Valdeorras, Carballeda de Avia, Larouco, Maside, Melón, A Mezquita e Poio.

A eles súmase o alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, que percibe cero euros polo seu cargo como alcalde, pero cobra como presidente da Deputación coruñesa.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores | Fonte: Beatriz Ciscar - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

1 Gamela

Carmela Silva cobra 77.621 € vive nun chalet valorado en 1,8 millóns na illa de Toralla e seica é a muller máis feminista de Galicia ! https://flic.kr/p/2nAKmPw

1 Sentidiño

O feminismo é tan amplo, e xeneroso, que acolle con cariño pobres e millonarias... e cantas máis millonarias, millor para o feminismo!

2 Gamela

As feministas pobres soen vivir a súa explotación á beira das feministas ricas... pero non deixan de ser explotadas por moito que traballen nun Chalet en Toralla ! Hai "feministas de salón" que non son dignas de tal titulación... antes eran cortesanas !