A transición enerxética en mans das grandes multinacionais, secuestraron o futuro da humanidade?

As grandes enerxéticas invisten en renovables aínda que sexa a custo do medio ambiente. Unha contradicción ou estafa apuntada desde movementos a prol do cambio enerxético e de consumo. O obxectivo da descarbonización quedou en mans dos mesmos conglomerados que sumaron dividendos a base de combustible fósil, din os ambientalistas. A reunión sobre o clima de Exipto xa non supón ningunha esperanza para quen entende que as oportunidades de salvar o planeta se están perdendo.

Por Moncho Mariño | Santiago | 12/11/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A transición cara a unha economía con emisións reducidas de carbono ou sen elas está indo moi lenta e baixo a presión de empresas e da clase política. É un dos puntos en que están de acordo a maioría dos grupos ambientalistas e ecoloxistas. Á parte diso, a creación de parques eólicos e fotovoltaicos está ocupando en ocasións terreos protexidos, cousa que leva ao enfrontamento nos tribunais entre sociedade e intereses industriais, económicos e políticos. Á parte, os oligopolios enerxéticos chantaxean tanto a gobernos como a sociedades enteiras coa perda de postos de traballo, tal como apuntan desde os movementos a favor da conservación do planeta. Isto pode ser pola necesidade de pechar unha térmica ou unha resolución xudicial contra un determinado proxecto. Actualmente a visión é a dunha industria da enerxía que recolle a transición enerxética tal como recolleu a explotación dos combustibles fósiles, só para ter rendementos económicos.

Concentración contra eólicos. BNG
Concentración contra eólicos. BNG

A CUESTIÓN DAS RENOVABLES

Hai unha perversión do sistema mesmo coas mellores ideas. Por exemplo, as plantas solares, é absurdo ocupar terreo con fotovoltaicas cando temos millóns de metros cadrados en polígonos industriais” describe Serafín González da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN). Un exemplo que o mesmo Serafín González pon son as placas fotovoltaicas sobre a factoría de Stellantis en Vigo. Mais cando González fala de “perversión do sistema” parece coincidir con postulados que denuncian o “trasvase” de renovables ás grandes corporacións que até o de agora polucionaron a atmosfera a base de CO2 e outros Gases de Efecto Invernadoiro (GEI).

“A transición enerxética é necesaria xa, e para iso deberiamos deixar atrás o modelo enerxético anterior” baseado en oligopolios enerxéticos que explotaban carbón e petróleo. Quen di isto é Iñaki Varela de Verdegaia. “Debería facerse un lavado verde e non entregar axudas públicas a empresas que usan combustible fósil” e cuxas contas de resultados foron abundantes segundo os cálculos de diferentes organismos. Mais isto é o que acontece agora mesmo cando as empresas do IBEX 35 decidiron tomar as renovables “mais só para o seu beneficio puro e duro”.

E isto ten unha explicación? Segundo os movementos ecoloxistas a práctica do lobby, as relacións interpersoais empresarios-políticos e a capacidade duns e doutros para reverter ao seu favor lexislacións enteiras. “Aí temos a reunión de Alfonso Rueda co ministerio de Transición Ecolóxica para axilizar parques eólicos parados pola xustiza”.

Dron da compañía galega 'Aerocámaras' para facer inspeccións técnicas en parques eólicos
Dron da compañía galega 'Aerocámaras' para facer inspeccións técnicas en parques eólicos | Fonte: aerocamaras

“A transición enerxética debe partir desde a mesma sociedade, desde o Estado e dos poderes públicos” di Cristobal López de Ecoloxistas en Acción. Ante a presión e as evidencias (que negaron durante décadas), todo o conglomerado industrial quixo entrar a ver quen quedaba con máis da “piñata verde”. “Debérase privilexiar as renovables e non ás enerxéticas de sempre e moito menos nun país como este co tarifazo eléctrico que temos” apunta López.

“As que levan anos contaminando queren continuar na súa posición de oligopolio e por iso as renovables se converten en negocio nas súas mans” remarca Fins Eirexas de ADEGA. A idea é que se agora non se pode producir ao mesmo ritmo que antes mediante carbón e petróleo, hai que compensar as perdas mediante unha aplicación masiva de renovables. “Temos unha transformación de enerxías limpas en elementos de especulación económica”, tal cal se viña facendo até o de agora. 

AS PERSOAS NON CONTAN?

Unha transición enerxética feita desde a sociedade e estamentos públicos era o que debera estar funcionando agora mesmo. O que si existe para todo o movemento a prol do medio ambiente é unha especie de “involución verde” ante o asalto de petroleiras, carboneiras e outras empresas ao “pastel verde”. Por tanto, tal e como viñan dicindo as fontes consultadas, só conta o beneficio. É así?

Na reunión sobre o clima en Exipto, a pesar das advertencias alarmantes desde a ONU, as 400 persoas convidadas chegaron en avións privados, coa carga de CO2 que isto supón. “Nunca creron nunha alternativa enerxética e agora van de defensores do medio ambiente cando só buscan especular” explica Fins Eirexas. “O acceso á enerxía é un dereito que debera ser garantido polos estamentos públicos tal como se fai con outros dereitos, aínda que logo son convertidos en negocios polos poderes fácticos”.

A transformación das grandes corporacións en “empresas verdes” leva parello, como xa se dixo, unha presión sobre o terreo para instalar muíños aeroxeradores “onde sexa”, incluída a costa. Esta presión na costa “é o crime perfecto” di Serafín González. “Despois de estudar as mareas negras, chegouse á conclusión que de cada dez aves mortas só unha chegaba á costa”. Agora, coa instalación dos muíños en zonas de paso para aves migratorias “as aves chocarán contra estes enxeños, caerán ao mar, serán devoradas por depredadores mariños” e por tanto desaparecerán. Non hai cadáver, non hai delito, ninguén poderá xustificar a perda de biodiversidade ornitolóxica por culpa dos aeroxeradores.

Se en primeiro lugar foi a gran freada pola pandemia, despois foi a guerra ruso-ucraína. Ambos son os dous argumentos para que agora mesmo a axenda contra o cambio climático estea parada. Volve o carbón, o gas sobre os seus prezos e o petróleo oscila mais escorándose ao aumento de custo. Definitivamente hai unha parada sine die contra o cambio climático?

“A guerra de Ucraína pode traer a aceleración na baixada de consumo en combustibles fósiles, mais lamentablemente isto tamén pode traducirse nun maior consumo de enerxía nuclear” di Cristobal López. “A enerxía nuclear está considerada como limpa porque non emite CO2, mais xera residuos radiactivos e tamén están os perigos de terremotos, maremotos (Fukushima), guerras ou accidentes”. 

A actual desaceleración na transición enerxética ten as súas causas en parte na pandemia e en parte na guerra de Ucraína. Só en parte, porque segundo as análises de movementos ambientalistas, a pesar da sinatura de compromisos globais, estes non se cumpren totalmente ou teñen unha aplicación moi lenta. Aínda así, se algunha vez se pensou nunha transición enerxética cun cambio no modelo productivo-especulativo, parece ser que isto non se está materializando e as grandes corporacións xa puxeron en marcha a maquinaria para quedar coas renovables.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Moine

Que novidade, estamos sob um sistema capitalista de depredaçom e extermino!; onde comes ou nom dependendo da arbitrariedade dos patronos, se te contratam sobrevives e senom à miséria, a morte.