Un incendio nunha nave anexa á Galiciana, en Santiago, obriga a desaloxar o mercado gastronómico

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/11/2022 | Actualizada ás 14:01

Comparte esta noticia

Os servizos de emerxencias extinguiron o lume declarado este venres no antigo almacén de ferrallaría Fillos de CV Otero, anexo ao mercado gastronómico A Galiciana, na rúa de Gómez Ulla, en plena zona do Ensanche de Santiago de Compostela.

Pasadas as 13,00 horas deste venres, os traballadores do establecemento hostaleiro detectaron fume e comprobaron que había lume no edifico anexo, que está conectado co almacén do local.

Segundo trasladou a Europa Press o concelleiro de Mobilidade e Seguridade Cidadá de Santiago, Gonzalo Muíños, os bombeiros desprazáronse ao lugar de inmediato e o incendio "foi extinguido en cinco minutos".

Agora, Muíños asegurou que os bombeiros traballan en labores de "seguridade e apontoamento", xa que se trata de "unha nave de almacenaxe que está abandonada" e na zona "hai algo de cascallo". Así mesmo, insistiu en que se descoñecen as circunstancias que puideron provocalo.

Os responsables da Galiciana sinalaron que o lume non afectou ao local, aínda que si o fume. Por este motivo, o establecemento permanecerá pechado ata que se atope apto para recibir de novo aos seus clientes.

Con todo, o concelleiro de Seguridade indicou que terá que acudir o arquitecto municipal para comprobar que, debido aos labores de extinción do incendio, coas que "pode pasar a auga para a zona lindeira", onde se atopa o local de hostalaría, a infraestrutura non se viu afectada.

A céntrica rúa de Gómez Ulla permaneceu cortada sobre unha hora e media e ás 14,30 horas, os axentes da Policía Local desprazados ata o punto permitiron o paso de peóns.

Arde unha nave anexa á Galiciana, en Santiago de Compostela, onde xa actúan os bombeiros
Arde unha nave anexa á Galiciana, en Santiago de Compostela, onde xa actúan os bombeiros | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta