O PP abre expediente aos cinco concelleiros de Sada que apoian a moción de censura

O alcalde, de Sadamaioría, cre que as direccións dos partidos deben facer "o que consideren" e "o que determinen os seus estatutos".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 12/11/2022 | Actualizada ás 13:32

Comparte esta noticia

O Comité de Dereitos e Garantías do PPdeG acordou abrir expediente disciplinario aos cinco concelleiros do concello coruñés de Sada que apoian a moción de censura contra o alcalde Benito Portela, da formación Sadamaioría, que previsiblemente se celebrará o próximo día 18 de novembro, por "actuar contra as instrucións e directrices da dirección do partido e por danar coa súa precipitada actuación a imaxe, a credibilidade e o interese xeral do partido e dos veciños en Sada".

Comité de Dereitos e Garantías do PPdeG celebrado o 11 de novembro de 2022 en Santiago
Comité de Dereitos e Garantías do PPdeG celebrado o 11 de novembro de 2022 en Santiago | Fonte: PPdeG.

Nunha reunión mantida este venres na sede dos populares galegos, baixo a presidencia de Lupe Murillo, o PPdeG responde así á petición trasladada desde a dirección provincial do partido na Coruña ante a moción presentada por estes cinco edís xunto con outros dous de Alternativa dos Veciños e dous máis do PSdeG.

O PPdeG explicou que esta moción "non foi autorizada en ningún momento, nin pola comisión xestora do PP de Sada, nin tampouco pola dirección provincial ou autonómica do Partido Popular". "É máis, axiña que se tivo coñecemento da súa firma, solicitóuselles a estes cinco concelleiros e ao seu portavoz municipal a súa retirada e trasladóuselles de forma clara e expresa a desautorización da dirección provincial", detallou o PPdeG.

Así mesmo, continúan, "a pesar destas advertencias expresas", os cinco concelleiros "manifestaron a súa intención de manter a súa posición e seguir adiante coa moción de censura".

Nesta mesma liña, os populares aseguraron que a firma desta moción e a actuación destes concelleiros, "a tan só sete meses das eleccións municipais", causan "un grave prexuízo á imaxe, á credibilidade e ao interese xeral do PP en Sada e dos propios veciños deste concello".

O Comité de Dereitos e Garantías do PP galego afirmou que despois deste expediente e o nomeamento dun instrutor, daráselle audiencia aos afectados, que poderán presentar alegacións. Posteriormente, o instrutor fará proposta, que se resolverá nunha nova reunión do Comité.

"QUE FAGAN O QUE CONSIDEREN"

Pola súa banda, o alcalde, Benito Portela, en relación con esta decisión do PPdeG, evitou "meterse en temas doutros partidos", pero sostivo que as formacións implicadas deben facer "o que consideren" e "o que determinen os estatutos dos seus partidos".

"Son nove concelleiros tránsfugas", reafirmou tras coñecer a apertura do expediente dos populares galegos, que se produce despois de que Alternativa dos Veciños acordase abrir expediente disciplinario e suspender de militancia preventivamente aos dous edís da formación que promoveron a moción de censura.

Este sábado, o rexedor, acompañado do resto de edís do goberno, acode ao Feirón para explicarlle a quen o desexe "en que consiste a moción de censura". Alí, repartirán folletos informativos nos que a súa formación, Sadamaioría, denuncia o que consideran un "golpe á democracia" en Sada e detalla que se trata dunha moción de censura de "tránsfugas" en contra da "vontade da cidadanía e dos propios partidos".

Así mesmo, nesta nota informativa afirman que coa moción "o único que pretenden" é "chegar ao poder municipal, ao prezo que sexa". "Non veñen solucionar nada. Só queren desprazar a Benito Portela, o alcalde que votou maioritariamente a cidadanía de Sada", reflicte o texto.

Ademais, sinalan que na localidade coruñesa hai un goberno que, "a pesar do boicot dos que agora pretenden gobernar Sada, supuxo que, entre outras cousas, sexa o concello da área metropolitana "no que máis creceu a poboación nos últimos anos". "Un goberno transparente e participativo, cun alcalde a pé de rúa e en contacto permanente cos veciños", conclúe o documento informativo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta