O BNG reclama para Galicia as competencias de Salvamento Marítimo para evitar outro 'Prestige'

Ana Pontón reivindica a "dignidade e o orgullo" do pobo galego ante a maior catástrofe nas costas galegas, hai 20 anos.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 12/11/2022 | Actualizada ás 15:25

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reivindicou este sábado a "dignidade e o orgullo" do pobo galego ante a maior catástrofe nas costas galegas, a que supuxo o afundimento do 'Prestige' hai agora 20 anos.

Afundimento do Prestige
Afundimento do Prestige | Fonte: Aduana Francesa.

Así mesmo, nun acto en Camelle, en Caramiñas, contrastou a resposta do pobo galego, que se lanzou a limpar as praias e ás rúas, coas "mentiras e manipulación do Goberno popular no Estado e a complicidade da Xunta".

No acto de recordo e reivindicación deste sábado, Pontón tamén reclamou a transferencia das competencias de Salvamento Marítimo para Galicia. "Temos que coller as rendas", salientou.

"Unha das leccións que nos deixou o 'Prestige' é que temos que tomar as decisións sobre o mar desde Galicia e non desde os despachos de Madrid, que descoñecen a nosa realidade", salientou.

A líder nacionalista lembrou tamén a gran mobilización que supuxo o movemento Nunca Máis, no que, lembrou, o BNG "estivo presente desde o minuto cero".

"Puxemos o BNG ao servizo de Galicia na súa hora máis difícil", manifestou Pontón, no que foi unha "mobilización social e política sen precedentes, que deron lugar como froito reclamacións que antes do 'Prestige' eran negadas".

Así, destacou que se conseguiu mellorar os medios en salvamento marítimo por parte do Estado e da Xunta, malia que "aínda son insuficientes", pero "foi un avance neste ámbito.

Ademais, seguiu, ampliouse o dispositivo de separación de tráfico no corredor marítimo de Fisterra, a retirada progresiva de buques monocasco e a implantación de seguros para cubrir danos ambientais. O risco despois de 20 anos "permanece" e tamén a "irresponsabilidade política" dos de "sempre, deses que pensan que esta costa pode ser gobernada desde despachos de Madrid".

Neste sentido, incidiu en que Galicia "debe coller as rendas da súa costa, do noso litoral" e, por iso, o BNG reclama a transferencia en materia de salvamento marítimo e loita contra a contaminación mariña, porque "unha das grandes leccións que nos deixou o Prestige é que debemos decidir sobre o noso mar"

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Din que a cuantificación dos danos foi de 4.500 M€ algúns rebaixan a cifra á metade 2.100 M€ pero a día de hoxe as Cías.Aseguradoras seguen racaneando unha póliza de 900 millóns de dólares que seguen sen pagar... e sigue o pleito nos Tribunais de Londres ! Semella que a Patente de Corso segue vixente no século XXI (Brexit) Mentras aos cidadáns reclámaselle maior conciencia medioambiental e pagamos a luz a prezos prohibitivos, outros pasan a vida ríndose de nós e reparten beneficios ?