Pontevedra apela á responsabilidade dos homes para acabar coa violencia machista

Baixo o lema 'Depende de ti, depende de nós', o concello impulsa unha campaña gráfica baseada na idea de que calquer home pode exercer maltrato, pero tamén paralo

Por Galicia Confidencial | PONTEVEDRA | 14/11/2022 | Actualizada ás 18:06

Comparte esta noticia

Un chamativo e orixinal collage composto por partes de rostros de homes de diferentes xeracións, deseñado pola fotógrafa Beatriz Císcar, é a imaxe que este ano protagoniza a contundente campaña gráfica impulsada pola Concellería de Igualdade e o Centro de Información á Muller (CIM) con motivo do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres.

Campaña do concello de Pontevedra para rematar coa violencia machista.
Campaña do concello de Pontevedra para rematar coa violencia machista. | Fonte: Concello de Pontevedra

Baixo o lema 'Depende de ti, depente de nós', a campaña, que na mañá deste luns se puxo en marcha co despregue dunha pancarta de PVC no balcón da Casa da Luz e que inclúe a distribución de 1.500 bolsas 'tote bag', a instalación de cartelóns en 35 mupis situados por toda a cidade e o reparto de 200 carteis por edificios institucionais, institutos, facultades universitarias e centros sociais das parroquias, busca apelar á responsabilidade dos homes para acabar coas violencias machistas e os convida a reflexionar sobre a súa obriga moral de loitar contra o acoso, a humillación, o control, a violación...

"É unha campaña contundente, directa e reflexiva. Non podemos ser cómplices da violencia machista e pretendemos sinalar non só ao home que maltrata como culpable, senón tamén ao resto da poboación. A responsabilidade de parala antes de que se converta en algo irreversible é de todos". Deste xeito expresou a concelleira de Igualdade, Yoya Blanco, o principal obxectivo desta iniciativa gráfica tras un acto de despregue da campaña no que tamén participaron a propia Bea Císcar; os concelleiros Carme Fouces, Alberto Oubiña e Silvia Junco; a directora do CIM, Rosa Campos, e a axente de Igualdade Mercedes Renda.

Segundo explicou Císcar, "a través da técnica do collage, pretendemos recrear a cara dun home, alonxándonos de calquera estereotipo clásico de home cis hetero normativo e despersonalizando ao home, no sentido de que calquera home, con independencia da súa idade, clase, estilo... Pode exercer a violencia machista e tamén pode parala, xa sexa denunciando ou evitando unha pelexa, comentario, insultos ou micromachismos". 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta