(Vídeo) Este é Paco e quere converter a Pontevedra na capital española do turismo gastronómico

Unha delegación parte rumbo a Valladolid para exhibir na Feira Internacional do Turismo de Interior (Intur) os talentos gastronómicos da cidade.

Por Galicia Confidencial | Pontevedra | 15/11/2022 | Actualizada ás 17:58

Comparte esta noticia

Pontevedra busca que as súas riquezas gastronómicas sexan recoñecidas en todo o Estado. Tras converterse nun auténtico embaixador do estilo de vida pontevedrés na pasada edición de Fitur, o xa célebre "Paco" parte agora rumbo a Valladolid para exhibir na Feira Internacional do Turismo de Interior (Intur) os "talentos gastronómicos, riqueza medioambiental e patrimonial e beleza da cidade onde mellor se vive e come do mundo". O seu obxectivo é que Pontevedra sexa a capital española do turismo gastronómico.

'Paco', a personaxe que defende os valores culinarios e gastronómicos de Pontevedra
'Paco', a personaxe que defende os valores culinarios e gastronómicos de Pontevedra | Fonte: pontevedra.gal

A cidade do Lérez presenta unha nova peza audiovisual, realizada por Fernando Portela, na que o célebre e sibarita protagonista percorre espazos tan emblemáticos como o parque das Palmeiras, o Mercado de Abastos, Santa María, Ruínas de Santo Domingo ou as prazas da Peregrina, A Ferrería, Méndez Núñez e A Leña, para amosar as "inxentes e irresistibles tentacións culinarias" dos restaurantes pontevedreses.

Este vídeo será un dos materiais promocionais que Turismo de Pontevedra presentará no salón de Intur coa finalidade de posicionar á nosa cidade como capital española do turismo gastronómico e das infraestruturas verdes e azuis, a través de dous proxectos esenciais como a marca Pontevedra Capital Gastro e a estratexia de loita contra o cambio climático e renaturalización de ríos e espazos naturais Pontevedra Flúe.

Con ese obxectivo, viaxa á capital pucelana unha delegación pontevedresa encabezada polos seus principais impulsores, a concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, e o concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta