Por que non tivo éxito a folga do transporte?

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO | 15/11/2022 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

Apenas un día durou a folga do transporte ás portas do Black Friday. E como diría Gabriel García Mázquez, o certo é que o seu fin era a crónica dunha morte anunciada. Dende Galicia os representantes de todo o sector xa anunciaban que non se sumarían ao paro, por considerar que non tiñan ningún sentido as peticións. Comecemos polo principio.

Transportistas forman piquetes na estrada N-V no terceiro día de folga indefinida do transporte de mercadorías, a 16 de marzo de 2022.
Transportistas forman piquetes na estrada N-V no terceiro día de folga indefinida do transporte de mercadorías, a 16 de marzo de 2022. | Fonte: Carlos Castro

A comezos de agosto publicouse o real decreto-lei 14/2022 de medidas de sustentabilidade económica no ámbito do transporte, para tratar de garantir que o prezo das viaxes sexa superior aos costes e aos gastos individuais nos que incide o transportista. 

Con todo, autónomos do sector consideraban que había cousas dese decreto que non se estaban a cumprir agora, máis de medio ano despois, e por iso remataron convocando o paro, que rematou por desconvocarse na mañá deste martes.

"Non tiña ningún sentido esta folga, pois non se daban para nada as mesmas condicións que no mes de marzo", asegura José Javier Vázquez Limia, expresidente da Asociación de Transportistas de Verín, que afirma que despois das protestas de comezos de ano, "as medidas que se aprobaron se están cumprindo". 

Dende Galicia Confidencial analizamos que é o que se pedía e por qué non tivo éxito finalmente:

COSTE DO COMBUSTIBLE

Por unha parte, dende a Plataforma para la Defensa del Sector del Transporte de Mercancías aseguraban que as empresas cargadoras seguían sen ofrecer nin pagar uns prezos suficientes para cubrir os costes do gasóleo. Agora mesmo o prezo por litro está a 1,949 euros (1,749 tras aplicar a bonificación dos 20 céntimos), e en marzo estaba a 1,892.

"Actualmente os costes do gasoil son moi similares aos que había no mes de marzo, prácticamente rondando os dous euros", explica Vázquez Limia, que considera que neste senso as cargadoras están a facer ben as cousas, pois "subíronnos aproximadamente un 20 % no pago por viaxe". 

Ademais, recorda que "se concederon axudas para a bonificación dos 20 céntimos que se elevaron a 1.250 euros por partida, ao ser dúas, 2.500 euros para subsanar costes".

CARGA E DESCARGA

Por outro lado, unha das principais queixas que o sector levaba anos arrastrando pasa polo feito de que ademais de ser transportistas, os camioneiros e repartidores tiñan que encargarse de descargar a mercancía ao chegar a destino (e mesmo de cargala, ás veces, no punto de saída). O novo decreto elaborado polo Goberno prohibía que isto acontecese, mais dende a Plataforma dicían que seguía sucedendo.

¿Cal é a verdade disto? "Eu podo dicir que compañías que antes non respetaban os acordos, agora sí o están facendo", asegura o expresidente de Atraparve. De feito, aínda que a resolución sobre carga e descarga de mercadorías entrou en vigor o 3 de marzo, "déronselle ás empresas cargadoras seis meses, ate o pasado 3 de setembro, para que puidesen formar a persoal especializado nesas labores".

HORAS DE PARALIZACIÓN

Asi mesmo, outra das grandes reclamacións pasaba por cobrar as horas de espera nas zonas de carga e descarga. E iso, tal e como indica Vázquez Limia, tamén se está cumprindo, porque de feito "baixouse de 2 horas a unha hora o tempo de espera que un camioneiro pode estar 'gratis' nun lugar, a partir da hora xa se cobra".

"Non todos as cobran, pero aqueles que sí deciden facelo, a partir da hora de espera, xa empezan a cobrarlle á empresa 38,60 euros por hora, que é unha indemnización de acordo ao que marca o IPREM multiplicado por dous", indica.

¿LEI DE COSTES MÍNIMOS?

O expresidente da asociación de transportistas de Verín asegura que o que pedían dende a Plataforma Nacional era "unha lei de costes mínimos", pero considera que isto non é necesario, pois "tenemos no Ministerio unha fórmula para aplicar que funciona, eu aplícolla aos meus clientes e aceptan perfectamente: se sube o gasóleo sube o prezo por viaxe, e se baixa o gasóleo baixa o prezo, así de sinxelo". 

Ademais, puntualiza que non se pode fixar entre transportistas unha lei de costes mínimos, pois "se se miran as normativas vese que isto non é legal, é competencia desleal, e xa no seu día as petroleiras trataran de pactar costes e denunciáronas por iso", recorda. 

CARTA DE PORTES

Finalmente, a parte do sector mobilizada reivindicaba un reforzo das inspeccións a través da creación dunha carta de portes a partir dos 150 euros de carga, na cal debía aparecer o prezo, mais "se tes un documento aparte como unha orde de transporte ou de carga non fai falla esta carta de portes, á Garda Civil dalle igual ese custe, só lle importa ao cargador".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta