Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 16/11/2022 | Actualizada ás 12:31
A presidenta da Fundación Mulleres e exvicesecretaria xeral do PSOE, Elena Valenciano, manifestou sobre a lei do 'Só si é si' e a modificación de varias sentenzas que supuxeron a rebaixa de penas a varios condenados por delitos sexuais, que as "leis tecnicamente hai que facelas ben".
A preguntas dos xornalistas, coincidindo coa súa presenza nunha xornada na Coruña sobre mulleres emprendedoras, asegurou que cando se tivo coñecemento do texto da lei "moitas mulleres", sobre todo expertas xuristas, advertiron "de que isto podía suceder". "Non soamente as xuristas feministas, senón tamén o Consello Xeral do Poder Xudicial".
Convencida de que "ninguén" tiña intención de "facer unha lei que rebaixe as penas aos agresores sexuais", incidiu en que as "leis tecnicamente hai que facelas ben para que isto non suceda".
Preguntada se cre que é necesaria unha revisión, expuxo que "parece que é unha das ideas que manifestou o Goberno", dixo en referencia ás palabras da ministra de Facenda, María Jesús Montero.
"Pero iso tamén ten a súa dificultade, tecnicamente non é sinxelo pero non se pode lexislar a favor de agresores sexuais, seguro que non era a intención pero o resultado é o que é", engadiu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.