Un ano de cárcere por dar unha puñada á exmoza da súa parella tras ameazala por Instagram

Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 17/11/2022 | Actualizada ás 16:07

Comparte esta noticia

A Audiencia de Ourense condenou a unha muller a un ano de cárcere e ao pago dunha multa de 450 euros por agredir á exmoza da súa parella tras ameazala por Instagram.

En concreto, o tribunal impúxolle, polo delito leve de ameazas, o pago de 90 euros; e, polos dous delitos de lesións, un deles leve e outro imprudente con perda de órgano non principal (o bazo), un ano de prisión e o abono de 360 euros.

Na sentenza, consideran probado que a acusada, o 9 de febreiro de 2020, mantivo conversacións coa vítima a través de Instagram, durante as que proferiu ameazas contra ela, que foron "o detonante" da posterior agresión. Entre as ameazas estaban mensaxes como "métoche un trucazo e arránxoche a mandíbula" e "pártoche en dúas miña loka".

Como consecuencia do conflito, ao atoparse de madrugada preto dun pub, a sospeitosa, segundo a sentenza, "propinoulle unha forte puñada na cara, á altura do pómulo esquerdo, o que provoco a súa caída ao chan, onde quedou aparvada".

A Sala considera que non se acreditou que, unha vez no chan, a acusada propinoulle máis golpes no abdome ou noutras partes do corpo.

Os xuíces indican que así o afirma a testemuña presencial dos feitos, á vez que recalcan que "non se estiman cribles as agora contundentes afirmacións da prexudicada e da súa nai acerca da existencia de máis golpes, cando nos momentos iniciais, con maior espontaneidade, non mostraron tal contundencia, aludindo só a un impacto no rostro e posterior caída, que xerou un estado de seminconsciencia". Ademais, resaltan que a súa conclusión tamén está avalada polos informes médicos.

Audiencia provincial de Ourense
Audiencia provincial de Ourense | Fonte: Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta