A xornada de folga en Xeal chega ao 80 % de seguemento

Estaban convocadas ao paro as fábricas de Cee e Dumbría e as centrais hidroeléctricas, para conseguir que a empresa se abra a negociar un convenio colectivo propio

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/11/2022 | Actualizada ás 17:17

Comparte esta noticia

A xornada de folga convocada este xoves en Xeal para as fábricas de Cee e Dumbría e as centrais hidroeléctricas acadou o 80 % de seguemento, segundo as cifras achegadas pola CIG.

Os paros están enfocados a conseguir que a empresa se abra a negociar un convenio colectivo propio e que cumpra as condicións da concesión que liga a explotación dos saltos hidroeléctricos ao mantemento do emprego nas factorías de ferroaleacións.

"A empresa ten que dar unha solución a este conflito e abandonar a súa postura antidialogante e intransixente. Iso é o que lle estamos demandando as traballadoras e os traballadores con esta folga", explicou o presidente do comité de empresa, Alfonso Mouzo.

Nun comunicado emitido pola CIG, que cifra o seguimento da folga no 80 %, os traballadores lamentaron a "falta de vontade negociadora" da dirección da compañía, á que afean que descartase a oferta de suspender os paros a cambio de fixar unha reunión para a próxima semana.

O comité de empresa considera que isto dá mostra de que a dirección "só" ten intención de manter a produción de enerxía, cuestión que, segundo figura nas condicións da concesión, está ligada ao mantemento da actividade nas fábricas, algo que os traballadores denuncian que non se está cumprindo.

Neste senso, os traballadores consideran que a Xunta "non pode seguir pasiva" ante esta situación e debe porse "ao lado" do persoal para "obrigar" a unha empresa que, como lembran, goza de concesións públicas "a sentar a negociar o convenio e pór en marcha de inmediato un plan de viabilidade".

Así as cousas, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, trasladou o seu apoio aos traballadores de Cee-Dumbría, pois entende que a empresa "non ten escusa de ningún tipo para non se sentar a negociar o convenio, pór as fábricas a pleno rendemento e saír desta situación de crise industrial que Xeal impuxo coa parada dos fornos".

Concentración dos traballadores de Xeal nunha xornada de folga
Concentración dos traballadores de Xeal nunha xornada de folga | Fonte: CIG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta