Miguel, músico da rúa: “cando tocas na rúa valórase a idea que cantas máis persoas pasan, máis cartos gañas”

Miguel toca a gaita no arco da catedral, entrada á praza do Obradoiro. El descóbrenos algúns aspectos que moitas persoas ignoran das persoas que tocan neste lugar, mesmo composteláns de toda a vida. A súa é unha opción vocacional e de aposta polo que lle gusta. Con el podemos achegarnos e observar algunhas partes daquilo que está agachado detrás destes artistas.

Por Moncho Mariño | Santiago | 26/11/2022 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

-Por que comezaches a tocar na rúa?

Tocando a gaita no arco da catedral de Santiago
Tocando a gaita no arco da catedral de Santiago | Fonte: cedida

Hai varias cuestións mais para min é unha oportunidade de practicar e gañar cartos ao mesmo tempo, doutra maneira non podería ser músico. Empecei de brincadeira cando tiña trece ou catorce anos nas Festas do Albariño porque eu son de Cambados. Ao final sacamos cartos suficientes para poder ir ás atraccións. Non o faciamos en serio, esa era a cuestión, supoño que por ter a experiencia e pasalo ben. Algúns anos despois vinme na situación de coller a gaita outra vez e poñerme a tocar na rúa. Eu volvín tocar a gaita en xaneiro de 2020 logo dunha parada longa, algo común segundo o meu profesor. Durante o confinamento érame difícil ensaiar porque vivía nun piso e tocar a gaita nunhas circunstancias así é complicado. Tiña que ir ao monte e tocaba como 40 minutos e logo xa me sentía canso. Mais cando o confinamento, cando a xente saía aplaudir ás oito eu tocaba a gaita ás veces. Despois vin para Compostela porque non sabía que facer coa miña vida. Así foi como comecei a ir ao arco (do Obradoiro). Dediqueille moitas horas para ir tomando máis confianza, tamén tiña outros traballos e cursos do INEM. Finalmente a min gústame a música.

-Como valoras o comportamento da xente cando pasa por diante túa, que comportamentos observas?

Eu teño unha valoración positiva en xeral aínda que penso que é polo lugar onde toco, no arco da catedral. É un sitio privilexiado e a xente que toca a gaita ten unha sorte enorme. Eu se non tocase a gaita non sei que faría, ao mellor marchar de Galicia. En tal caso, sobre cousas que me pasaron houbo unha rapaza que me roubou parte das moedas que tiña na caixa. Daquela estaba comezando e  debes ir con ollo, porque neste caso a moza estaba sendo simpática e non lle fixen moito caso á caixiña onde me botaban as moedas. Outra vez pasara un home moi bébedo e aí xa non sabes que pode pasar. A un dos gaiteiros un home botoulle a man á funda onde tiña as moedas e tentou collerlle algunhas.

Dediqueille moitas horas para ir tomando máis confianza

-Tes horarios marcados?

Toco cada día, mais hai horarios supostamente mellores, pois cando tocas na rúa valórase a idea que cantas máis persoas pasan, máis cartos gañas. Eu non o vexo así pois hai momentos cun grande tránsito de persoas e ves que nin che fan caso. Hai quen te grava co móbil e non bota nada, para min é de moi mala educación. Hai persoas que se achegan a ti para facer un selfi e logo non che deixan nada.

-Iso fano máis os estranxeiros ou os que veñen doutras partes do Estado?

Sobre todo estranxeiros que para min non son peregrinos. Debo dicir que o estraño é que non che boten algo. Unha cousa curiosa que oín é o de Xapón, aos músicos da rúa págalles o goberno. Iso estaría moi ben aquí pois non temos ningún dereito.

-Cando ti dis: “son músico”, ves na xente unha reacción de “si, músico e que máis?”, como se a música non puidese ser un oficio?

Si, a xente trátao así e moito. Eu por exemplo teño que buscar a maneira de cubrir os gastos para estudar música. Realmente, non é doado facer un oco, tes que crealo ti. Tamén depende da persoa, do que busques. A xente de conservatorio debe pasar por unha carreira moi longa, catorce anos, o grado grao elemental son catro anos, grao medio seis anos e o grao superior que son outros catro. Despois deben buscar o seu espazo como sexa.

 Unha vez pasara un home moi bébedo e aí xa non sabes que pode pasar

-Que traballos tiveches para compaxinar con tocar a gaita?

Pois repartín flyers de viaxes no Obradoiro e a min gustábame porque estaba na rúa con xente. Logo estiven en hostalaría mais non é o meu porque son traballos para os que debes valer. Fixen prácticas nunha empresa de limpeza, algo que me gustou, mais logo quería facer música e non me daba a vida. Este verán pasado gañei suficiente diñeiro entre a gaita, os traballos e que os meus pais xa caeron na conta que eu son músico e por iso me axudan.

-Cando viron os teus pais que o teu é ser músico ou artista?

Foi facendo teatro porque tamén estou nun grupo en Cambados que estreamos en abril “O enfermo imaxinario” de Moliere. Fixémolo un grupo que nos chamamos “Teatro do Garaxe” e somos moita xente, eu son o máis novo mais o ambiente é moi familiar.

-Cando chegaches a Santiago tiveches alguén que te guiase para saber como e onde tocar?

Non, porque cando cheguei aquí non coñecía a ninguén. O que facía era camiñar e coñecer a cidade e así funlles preguntando aos músicos da rúa como debería moverme.

-Como reaccionaban eses músicos?

Un pouco escépticos. Cando estás tocando na rúa estás atento ao teu e supoño que preguntar sobre como funciona a maneira de traballar pois descolócate un pouco. Aínda así, houbo un rapaz que me indicou como facer coa burocracia, ir ao Rexistro Civil pedir un documento que é doado de conseguir e debes demostrar que es músico.

-Debes demostrar os teus coñecementos para tocar un instrumento?

Iso facíano antes. Agora debes presentar un documento co teu percorrido musical como presentado un título de conservatorio onde aprendiches a tocar a gaita. Esa persoa que me dixo o do Rexistro Civil tamén me explicou o sistema de horarios para tocar no arco. Son uns papeliños enroscados na porta verde que temos detrás onde tocamos. Vas a ese lugar, colles un papel, se es o primeiro en chegar falo ti e escrebes o día e as diferentes horas. Logo pos o teu nome no horario que queres tocar e así sucesivamente, é dicir, usamos todos o mesmo papel. Hai unhas quendas prefixadas, de once a doce, de doce a unha e media, de unha e media a tres e de tres a catro e media. Normalmente, o primeiro que chega colle o das doce, a mellor hora. No inverno son as mellores horas porque despois vai frío.

-De cara a unha futura profesionalización para que poidas cotizar como artista, que expectativas tes?

De momento, tocando na rúa pretendo financiarme, practicando, aprendendo, ir a aulas de batería e técnica bocal pensando no teatro.

Cando estás tocando na rúa estás atento ao teu e supoño que preguntar sobre como funciona a maneira de traballar pois descolócate un pouco

-Onde ensaias?

Antes “ensaiaba” no arco, pois levaba moitos anos sen tocar e o que facía era recordar cancións e mellorar o tempero e aprender a sacarlle o mellor son porque é un sitio moi bonito e con moi boa acústica.

-A policía divos algo?

Non, non nos din nada. Si che insistiría en que é un traballo moi volátil, pois pode pasar unha manifestación, pode haber unha carreira con altofalantes. Realmente, hai moita solidariedade entre nós.

-A todo isto, só tocades gaiteiros? Porque eu teño visto xente coa guitarra e mesmo con pandeiro.

No arco está estipulado que só se pode tocar a gaita e realizar canto lírico. Se alguén quere tocar a guitarra eu non teño problema. Temos esa sorte de que estea por escrito ese sitio para os gaiteiros, pois é o único sitio onde podemos tocar pola cantidade de decibelios. Na alameda non se pode tocar por exemplo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta