A Base Topográfica Urbana de Galicia servirá de modelo para elaborar a cartografía do resto de España

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/11/2022 | Actualizada ás 16:46

Comparte esta noticia

A Base Topográfica Urbana de Galicia servirá de modelo para elaborar as especificacións desta ferramenta cartográfica do resto de España, segundo avanzou este luns o director do Instituto de Estudos do Territorio (IET), Enrique de Salvador, durante a súa participación por videoconferencia na comisión territorial do Consello Superior Xeográfico (CSX).

Durante a súa intervención, De Salvador puxo en valor o traballo que vén realizando a Xunta neste campo coa aprobación das especificacións da Base Topográfica de Galicia (BTG) e da Base Topográfica Urbana de Galicia (BTUG), "pioneira a nivel estatal".

Así mesmo, engadiu, séguese traballando na adaptación ás normas europeas aconselladas pola directiva INSPIRE, que define unha serie de normas técnicas e protocolos que promoven a estandarización dos datos xeográficos e do traballo con eles.

De feito, Galicia é a primeira comunidade autónoma que ten aprobada e en funcionamento a BTUG, que, xunto coa BTG, constitúen as normas técnicas de produción de cartografía en Galicia.

A Xunta lembrou que as bases topográficas do territorio "son o produto cartográfico máis importante para a xestión do territorio", xa que "a maneira de elaborar este elemento descritivo da contorna na que os gobernos aplican as súas políticas" é "fundamental para que poida ser utilizado na maior parte das aplicacións necesarias" no seu campo.

No IET decidiuse producir esta cartografía utilizando o mellor modelo de datos posible en canto á súa interoperabilidade e capacidade para recoller todos os datos observables do territorio, finaliza o Goberno galego.

Mapa de Ourense baseado na base urbana de 2020
Mapa de Ourense baseado na base urbana de 2020 | Fonte: Xunta

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta