O PPdeG fala de "saída masiva" de violadores pola lei do "só si é si" e a oposición tacha os 'populares' de "irresponsables"

O PSdeG recrimina ao PP "introducir aos negacionistas da violencia de xénero nas institucións" e os conservadores ven "mala conciencia" nos socialistas.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 22/11/2022 | Actualizada ás 14:48

Comparte esta noticia

A comparecencia da conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade na sesión do Pleno deste martes, para falar de cuestións relacionadas coa violencia de xénero, derivou nun acalorado debate sobre a Lei do "só si é si" no que populares, por unha banda, e nacionalistas e socialistas, por outro, lanzáronse duras acusacións.

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado
A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado | Fonte: PPdeG.

Foi a deputada popular Paula Prado a que introduciu a cuestión no debate, nunha intervención na que alertou da "saída masiva de agresores sexuais dos cárceres" pola aplicación desta norma. "As nosas fillas están hoxe menos protexidas porque hai unha lei chafalleira que está a permitir que saian do cárcere os agresores sexuais", dixo Prado.

Neste sentido, mencionou que, coa aplicación desa lei, en Galicia foi excarcerado un home condenado por unha agresión sexual en Xinzo de Limia e que, segundo a súa condena inicial, debía permanecer en prisión outro tres meses, ata febreiro de 2023. A nivel estatal, Paula Prado mencionou datos de hai algunhas xornadas nos que xa se reflectían 12 reducións de pena e cinco persoas excarceradas pola aplicación desta lei, mentres que outros moitos condenados están a pedir revisión dos casos.

Na súa intervención, Prado mencionou tamén outras normas como a Lei Trans para asegurar que o Goberno central "non escoita as feministas" nin "os informes do Consello Xeral do Poder Xudicial" e cualificou de "nefastas" as consecuencias da lei do consentimento, para a que pediu "axilidade" á hora de modificala.

"Cal é o seu grao de feminismo?", preguntou Prado á deputada nacionalista Olalla Rodil, a quen lembrou que o BNG votou a favor desta norma: "E hoxe está calada", apelou.

"INCENDIARIA" E "IRRESPONSABLE"

Na súa quenda de réplica, a deputada do BNG cargou contra Paula Prado acusándoa de "pirómana e incendiaria". "Vostede chapotea gustosa no barro", soltou Rodil, que acusou a deputada popular de "xerar un alarmismo social baseado na mentira".

"Están instalados nunha política incendiaria que ten consecuencias directas na sociedade, nunha política absolutamente despreciable", engadiu Olalla Rodil, que subliñou que a lei de liberdade sexual foi "algo fundamental" para "adaptar a normativa española ao Convenio de Istambul", de modo que, para unha condena de agresión sexual, non fose necesario acreditar a existencia de resistencia activa.

A continuación, a deputada nacionalista acusou os populares de emendar este proxecto de lei, no seu momento, pedindo "que se volvese ao anterior". "Todas as leis deben ser analizadas e revisadas, pero non imos volver ao que había", resolveu.

Pola súa banda, a socialista Noa Díaz considerou "absolutamente demencial e irresponsable" a intervención de Paula Prado, que pediu aos populares que "non lle dean ningunha lección nesta materia" ao PSOE, sacando a colación os pactos de goberno con VOX. "Son vostedes os que introduciron aos negacionistas da violencia de xénero nas institucións", clamou.

Na súa última quenda, Paula Prado acusou a socialistas e nacionalistas de "mala conciencia" pola aprobación da lei e criticou que, ante as reducións de pena, "botánlle a culpa aos xuíces". "Hoxe temos en España unha lei en vigor que reduce as penas de seis a catro anos", apuntou Paula Prado, que engadiu: "Eu non creo alarma social, a alarma social creouna esa lei".

Para concluír, a conselleira de Igualdade, Maria Jesús Lorenzana, clamou contra a "soberbia ideolóxica" do Goberno central por "obviar por completo" as achegas á lei, mesmo desde ámbito xudicial. Así, dixo, "o poder lexislativo pódese equivocar" e "todo se pode corrixir", pero o "erro gravísimo" é "non asumir a culpa" e "pór en cuestión o poder xudicial". "Irene Montero non inventou o feminismo e conviría que ela fose consciente", resolveu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta