O Miño alaga as termas de Muiño da Veiga e da Chavasqueira e obriga a pechalas un mes despois da reapertura

Jácome carga contra os anteriores alcaldes, do PP e PSOE.

Por Europa Press / Redacción | Ourense | 22/11/2022 | Actualizada ás 19:18

Comparte esta noticia

As termas da Chavasqueira e o Muiño da Veiga, ás beiras do Miño ao seu paso por Ourense, funcionan de modo intermitente como consecuencia da suba do río tan só un mes despois de que fosen reabertas.

Inundación das termas de Ourense
Inundación das termas de Ourense | Fonte: Concello de Ourense.

A reapertura das termas tivo lugar o pasado 20 de outubro despois de máis de dous anos pechadas, primeiro pola situación sanitaria pola covid-19 e cando remataron as restricións, pola entrada en vigor da nova lei autonómica que esixía cambios nas instalacións.

En concreto durante o mes de febreiro abriron tres das pozas en Outariz e Burga de Canedo, pero non foi ata o mes de outubro cando o fixeron as termas gratuítas da Chavasqueira e Muiño da Veiga que agora están alagadas.

Aquel 20 de outubro o rexedor municipal, Gonzalo Pérez Jácome, vestido con bañador e albornoz, encargouse da inauguración deixando claro que "a demora" na reapertura debíase ás restricións da Xunta de Galicia e "ás interpretacións absurdas dalgúns técnicos municipais", pero celebraba que "a situación se desbloqueou" .

Ese mesmo día lamentou a idea de construílas tan preto do río Miño, incidindo en que é unha zona que adoita alagarse cando crece o caudal do río. Na súa comparecencia, chegou a usar unha analoxía que el mesmo advertiu como "bruta", "a Hitler propuxéronlle desenvolver a bomba atómica a principios dos corenta desestimouno. Grazas a deus, porque obviamente cambiaría o ritmo da historia, con isto quero dicir que ás veces son decisións puntuais que van para un lado ou para outro e, neste sentido, o facer as termas á beira do río foi unha decisión horrible", manifestou.

Similar foi a súa declaración nesta xornada de martes, porque o Miño subiu o seu caudal e as termas non se atopan operativas temporalmente ao non poder desaguar, en consecuencia funcionan intermitentemente, sucedéndose etapas nas que si é posible o baño con outras nas que non.

"O Concello traballa para que as termas se poidan utilizar sempre que sexa posible", din desde o consistorio desde onde o alcalde criticou unha vez máis "a mala idea de quen decidiu situar as termas alí, pegadas ao río", dixo sinalando ao que fora alcalde de Ourense e actual candidato á alcaldía polo Partido Popular, Manuel Cabezas, así como "ao seguinte alcalde" da cidade, tamén candidato á alcaldía pero polo PSOE, Francisco Rodríguez, "por continuar o erróneo proxecto".

"A proximidade ao río fai que estean inoperativas durante varios meses ao longo do ano e incrementan de modo considerable os custos de mantemento", recriminou Jácome.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta