Todo o Parlamento galego pide ás administracións medidas que palíen as perdas polo veto europeo á pesca de fondo

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/11/2022 | Actualizada ás 17:13

Comparte esta noticia

O Parlamento de Galicia acordou, por unanimidade, pedir á Unión Europea, o Goberno central e a Xunta de Galicia, medidas para paliar as consecuencias socioeconómicas na frota galega tras o veto europeo á pesca de fondo en 87 caladoiros.

A Proposición Non de Lei, proposta este martes polo BNG e aprobada este mércores na sesión plenaria co voto afirmativo de todos os deputados presentes, solicita, ademais de medidas á UE e ao Executivo central, un plan de continxencia autonómico que "reduza ao mínimo o impacto social e económico" da prohibición.

"Trátase doutro despropósito da UE contra a nosa pesca. O Estado non é capaz de defender os intereses pesqueiros, que adoitan ser galegos, e chove sobre mollado coa Xunta, que non fai nada máis aló de facer informes e mandar facelos; informes que ademais solicitamos e aínda non recibimos", sinalou a nacionalista Rosana Pérez.

A Administración autonómica, insistiu, é "incapaz de asumir ningunha responsabilidade e pór en marcha medias que palien as consecuencias do veto". A este respecto, lembrou as numerosas "promesas e anuncios" da Xunta, que aínda non se materializaron, o que tachou de "paripé".

Así, censurou que a Unión Europea se limitase a dicir que as axudas non eran posibles e que o Goberno español só propuxese ou paros puntuais ou "o despezamento" da frota.

"E mentres a Xunta segue sen reaccionar", acusou a nacionalista, que sinalou que entre as lonxas de Vigo, Coruña, Celeiro, Ribeira e Burela, rexistrouse unha caída das capturas de 1.000 toneladas desde a aplicación da prohibición.

Apuntou ademais que "noutros sectores económicos sempre se acode ao rescate dos traballadores, cos Erte ou outros instrumentos; mentres que no pesqueiro non ocorre".

RECURSO AO VETO

A socialista Patricia Otero, pola súa banda, defendeu que o PSdeG está cos pescadores cando aseguran "que non queren axudas ou subvencións, senón saír a pescar", polo que censurou o veto, que considera unha decisión "totalmente inxusta e tomada de forma unilateral, pese ao rexeitamento do sector e dos Estados membros".

"Chegados a esta situación, o mellor será pór medidas compensatorias", recoñeceu a socialista, que reivindicou ademais o recurso interposto polo Goberno central ao veto europeo.

Durante a súa intervención, a portavoz de Mar do Grupo Popular, Teresa Egerique, acusou ao BNG de "facer o paripé" no seu defensa do sector pesqueiro "porque se manteñen como socios en Bruxelas do grupo dos Verdes, ao que pertence o comisario europeo que vetou as artes de fondo".

"Ese ecoloxismo radical é o que está en contra da pesca galega, en contra da nosa idiosincrasia", aseverou.

Peixe recén capturado
Peixe recén capturado | Fonte: Arquivo E.P.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta