Reggaeton... como cosificar á muller nas cancións máis escoitadas en España

O reggaeton ocupa os primeiros postos das listas de éxito e é o xénero musical preferido polos adolescentes, tal e como amosan as redes sociais, o que pode poñer en risco os avances da loita feminista

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO | 24/11/2022 | Actualizada ás 14:10

Comparte esta noticia

O reggaeton é a música do momento. As novas xeracións nútrense coas súas letras como no pasado se nutrían coas dos Beatles ou as dos Rolling Stones. Nomes como Manuel Turizo, Rauw Alejandro ou Rosalía están presentes en todas as listas de éxitos do momento. Dende redes sociais ata o fenómeno Tik Tok, non hai un lugar onde o reggaeton non permease.

Varios dos artistas de moda de reggaeton en imaxes dos seus videoclips
Varios dos artistas de moda de reggaeton en imaxes dos seus videoclips | Fonte: YouTube

A súa base musical pegadiza e a facilidade para o baile son dous dos seus grandes potenciais, pero non hai que esquecerse de que ten un gran peligro: as súas letras. O forte contido sexual de case todas as cancións é como unha marca de identidade. A iso súmase tamén na maioría dos casos unha cosificación extrema da muller e uns ideais machistas máis propios doutra época, xa superada.

Nenos e nenas, adolescentes e xóvenes adultos atópanse expostos a este 'feitizo' de música pegadiza, con letras que riman, pero con mensaxes que van quedándose marcados no seu subconsciente e que de positivos nada teñen. Logo fálase do retroceso nos valores feministas dos máis novos, e é que non é de extrañar cos referentes que teñen.

Mais como un exemplo vale máis que mil palabras, dende Galicia Confidencial fixemos un exercicio práctico. Collemos a lista de Spotify 'Top Canciones España', que semanalmente recolle os éxitos máis escoitados do momento no noso país, e analizamos a letra dos cinco primeiros temas. Para comezar, xa hai que dicir que toda a lista está composta por cancións de reggaeton, un Pablo Alborán ou un David Bisbal non entran, por dicir algo.

1.- PUNTO G - QUEVEDO:

O artista de orixe canario, é dicir, produto nacional, sacou fai nada este tema que fala de como un rapaz e unha rapaza que tiveran algo durante a mocidade se volven atopar tempo despois, cando ela ten mozo, pero non é feliz con el, situación que aproveita o protagonista da canción para volver manter relacións con ela.

O título xa o di todo, literalmente a canción trata de como ao home lle gusta o 'punto G' desa muller, pero vamos expoñer algunhas das perliñas das que se fala. "Actué, me la llevé, parece una modelo de TV"; "Me gusta tu cara y tu 'punto G'"; "Ese culito me pide que lo estreche"... A cosificación da muller está presente ao longo de toda a canción, falando en todo momento do seu físico dunha maneira un tanto violenta. Parece que o único valor da muller está no físico, e que outro tipo de cualidades non teñen cabida destacalas nestes temas.

2.- LA BACHATA - MANUEL TURIZO:

Este cantante colombiano, aínda que nalgúns dos temas pode pecar de caer na tendencia que sigue o xénero do reggaeton, cabe dicir que se diferencia polo tratamento que da ao amor. Simplemente se limita a contar historias de rupturas ou de enamoramentos, como viñeron facendo toda a vida as cancións, mais case en ningunha se percibe esa cosificación sexual da muller ou a intención de deixala rebaixada ao home. Neste caso o tema fala dunha parella que rompeu. Terminada a relación ao home gústalle pasear polos lugares que lle recordan os bos momentos, aínda que sigue sufrindo.

3.- HEY MOR - OZUNA FT. FEID:

Moi típico do xénero do reggaeton son as colaboracións entre artistas. Neste caso dous latinos xúntanse para contar a historia dun home ao que a muller deixa e non é capaz de superalo a pesares de manter relacións con outras persoas. Aínda que a esas outras persoas coas que anda refírese como "culos". "Ando con culos", como se toda a muller se reducise a unha única parte do corpo, con connotación sexual, e non tivese máis atributos (mentais, por exemplo). Entre a letra atópanse perliñas como "uno no cambia un Mercedes por un KIA", comparando á muller con dous coches de distintas marcas, cosificándoa como se dun obxecto do que o home ten a posesión se tratase. "Con un culo como el tuyo cualquiera peca, tu solo dime cuándo quieres que te meta"... Outro exemplo.

4.- APA - MORA FT. QUEVEDO:

Neste tema volve aparecer o canario Quevedo, tan de actualidade, xunto a outro cantante español urbano, Mora. Seguindo a tendencia de todas as cancións de reggaeton, cóntase a historia dunha muller que ten unha parella pero que se escapa para estar con outro polas noites. Outro que polo que se ve a trata como un mero obxecto cuxo único atributo é o físico: "Nadie niega que tú estás bien dura, las curvas marcadas, pequeña la cintura" (estereotipo de corpo feminino ideal); "cuando le ví ese culo le dí gracias a Dios"...

Outra cousa que se aprecia aquí é o feito de que parece que o home lle fai un favor por manter relacións con ela: "En mi cama tengo una vacante, quieres ser mi becaria". E xa por si todo isto fose pouco, despois de tanto anos loitando porque para definir ás mulleres que fan con liberdade o que queren co seu corpo non se usen palabras como 'zorra', chegan estes cantantes e proclaman que "ser perra está de moda". Xa por non falar do perigo da linguaxe sexual: "Me sobran razones para darte sin condones".

5.- QUÉDATE - BZRP MUSIC SESSION FT. QUEVEDO:

Outra colaboración do canario neste caso co produtor de moda: o arxentino Bizarrap, que ten colaboracións con todos os cantantes máis soados do xénero do reggaeton e fai cousas musicalmente bastante orixinales (non así de letras, que caen unha e outra vez nos mesmos estereotipos machistas e de cosificación da muller). Neste tema dise, de feito, que "mi corazón late cuando ve ese cuerpo escaparate". Tamén hai unha frase que fala de "le dije que por menos de un beso no canto", como unha forma de chantaxe.

CONTESTACIÓN DE GRUPOS FEMINISTAS

Fronte a estas referencias musicais, xa surxen contestacións por parte de mulleres que toman a palabra e respostan a este tipo de temas, poñéndose en valor, levando a voz cantante e non deixándose 'pisar' polo home. Entre elas, poderiamos nomear o caso do grupo Tremenda Jauría (tamén integrado por homes), que fan cancións de ritmos latinos mezclados con música electrónica que falan da situación que atravesa a muller, da liberdade sexual e da política.

Tamén estaría Chocolate Remix, detrás do que está Romina Bernardo, una intérprete que non ten medo a falar do sexo entre mulleres, para romper con esa reproducción das relacións heteropatriarcais que predomina no reggaeton actual. Os seus temas distínguense por ser feministas e defender os dereitos LGTBIQ+. Ao igual que os de Miss Bolivia, tamén coñecida como María Paz Ferreyra, que fai cancións de protesta social para defender aquilo que lle pertence ás mulleres. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta