A Alcaldía de Santiago recupera a normalidade tras a dimisión do edil e ante o escepticismo do BNG

Os edís de Santiago que asumen os cargos do dimisionario "pasan páxina" e aseguran que é un asunto "totalmente superado"

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/11/2022 | Actualizada ás 16:07

Comparte esta noticia

Os concelleiros composteláns que asumiron os cargos do edil (ata agora do PSOE) que dimitiu en días pasados, Javier Fernández, aseguraron que "pasan páxina" dun asunto que dan por "totalmente superado". Con todo, o BNG local cuestionou que a crise quedase resolta e cre que se estivese "pechado", estao "en falso".

O pasado luns o Boletín Oficial da Provincia (BOP) da Coruña publicou a retirada, por parte do alcalde compostelán, Xosé Sánchez Bugallo, das competencias sobre os centros socioculturais ao concelleiro Javier Fernández que recaen agora sobre a concelleira Mercedes Rosón, que xa leva departamentos como Urbanismo, Acción Cultural, Centro histórico e Igualdade.

Por mor deste movemento, Javier Fernández dimitiu de todos os cargos que ostentaba e anunciou que solicitaba manter a súa acta como non adscrito. Co abandono do goberno local, o alcalde tivo que remodelar o seu equipo, de forma que a Concellaría de Obras, que tamén pertencía a Fernández, pasou a estar dirixida por Gonzalo Muíños, mentres Sindo Guinarte asumiu as competencias en Extinción de Incendios e Protección Civil e a área de Festas (que antes tiña Muíños).

Nunha rolda de prensa este xoves (sobre a Selic), a preguntas dos medios, Mercedes Rosón asegurou que o "tema está totalmente superado" e que ela ao que se adica é "a traballar por Compostela".

"ATERRANDO"

Sobre as súas novas áreas, Rosón detallou que "está a aterrar" como responsable de centros socioculturais e que xa "tivo varias reunións" cos técnicos que "están a crear" un equipo que vai permitir ordenar e reorganizar o servizo para "optimizar mellor" os recursos dos que dispoñen.

Noutra rolda de prensa, o agora concelleiro responsable de Relacións Veciñais e Festas, Sindo Guinarte, remarcou que "xa pasaron páxina" e que xa "están na fase seguinte".

Así mesmo, engadiu que afronta o seu novo cargo con "ilusión, pero con responsabilidade". Nisto coincidiu o novo responsable de Obras, Gonzalo Muíños, que puntualizou en que "están ao servizo dos veciños".

"PECHADA EN FALSO"

Fronte ás declaracións dos membros do goberno local, nunha rolda de prensa posterior, a portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, opinou que "está pechada en falso", xa que a "división interna continúa existindo" e, aínda que o "queiran ocultar, é unha evidencia que saben os veciños".

"Outra cuestión é que queiran pechar filas e ocultar un procedemento que foi moi mal levado porque a poboación xa non se fía do alcalde, porque queda clarísimo que lle mentiu ao conxunto da poboación cando tenta disimular e parecer que era un acordo facer un pequeno reaxuste", sinalou, a preguntas dos medios, Sanmartín.

Xunta de goberno local de Santiago
Xunta de goberno local de Santiago | Fonte: Concello de Santiago

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta