Correos paralízase este luns para esixir mellores salarios e a xornada laboral de 35 horas semanais

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/11/2022 | Actualizada ás 17:01

Comparte esta noticia

Varios sindicatos convocaron unha folga para todo o persoal de Correos para este luns, 28 de novembro, que coincide co primeiro día hábil posterior ao 'Black Friday'. O obxectivo, segundo informa CNT nun comunicado, é solicitar melloras salariais e de condicións laborais.

O paro afectará a todas as quendas e centros, o que inclúe instalacións de atención ao cliente, de repartición e de clasificación loxística, entre eles o situado en Lavacolla, en Santiago de Compostela.

A folga, que busca frear "a desvalorización salarial do persoal de Correos", que é "a peor" en 30 anos, arrincará xa ás 00.00 horas do luns e alongarase toda a xornada.

As reivindicacións pivotan sobre tres eixos. O principal é o salarial, posto que os sindicatos estiman que o persoal perderá este ano ao redor dun 6 por cento de poder adquisitivo. Neste senso, a CGT critica a alza do 3,5 por cento asinado por CCOO e UGT, que considera "non é suficiente", e pon o foco nos repartidores do rural, que teñen que asumir "do seu peto" o encarecemento do combustible.

Así mesmo, CGT reclama a inclusión do persoal de Correos no Estatuto Básico do Empregado Público (precisamente, o luns entregaranse ao Ministerio de Administracións Públicas 7.000 firmas para solicitalo), así como melloras nas condicións laborais, entre elas a xornada de 35 horas semanais con igual salario e a clarificación das áreas de repartición.

A folga do luns farase notar en Galicia con varias mobilizacións. A primeira será xa na noite do domingo, sobre as 22.30 horas, no centro postal de Lavacolla. O propio luns, os traballadores concentraranse en Santiago de Compostela (nas oficinas de rúa do franco ás 9.30) e na Coruña (no Obelisco ás 11.30).

Cartel coas protestas dos traballadores de Correos no marco da folga do luns 28 de novembro de 2022
Cartel coas protestas dos traballadores de Correos no marco da folga do luns 28 de novembro de 2022 | Fonte: CGT

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta