Vázquez Portomeñe, nomeado embaixador de honra do Camiño de Santiago

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/11/2022 | Actualizada ás 18:12

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou, tras a reunión semanal do seu Executivo, a concesión do título de embaixador de honra do Camiño de Santiago a título persoal a Víctor Manuel Vázquez Portomeñe, quen no seu día promoveu o Xacobeo como conselleiro de Manuel Fraga.

Rueda argumentou que este recoñecemento era unha "débeda histórica" co director do 'Plan Xacobeo 93', a persoa que "contribuíu a que crecese o coñecemento internacional da ruta xacobea e a que o Camiño sexa hoxe un dos motores do turismo en Galicia".

A concesión deste título está regulada no Decreto 163/2013, de 24 de outubro , e é o titular da Presidencia da Xunta de Galicia quen o concede. Con este recoñecemento, Rueda destacou que será "o gran embaixador da celebración do 30 aniversario do primeiro Xacobeo civil e do 30 aniversario do recoñecemento ao Camiño Francés como Patrimonio Mundial da Unesco".

"É a persoa idónea tanto por coñecementos como por méritos", remarcou.

VINCULACIÓN CO CAMIÑO

A vinculación de Víctor Manuel Vázquez Portomeñe co Camiño iniciouse na súa etapa como conselleiro de Relacións Institucionais, cando creou e dirixiu o 'Plan Xacobeo 93', "o maior programa de promoción cultural e turística de Galicia do século XX, xerme dos seguintes plans de promoción, que a Xunta de Galicia impulsou con motivo dos anos santos composteláns 1999, 2004, 2010 e 2021/22'.

Como resultado do traballo realizado por Víctor Manuel Vázquez Portomeñe, Rueda considera que aumentou o coñecemento internacional de Santiago e de Galicia e reforzouse o prestixio do Camiño de Santiago como itinerario de peregrinación histórico, no ronsel da declaración do Camiño como primeiro Itinerario Cultural Europeo, por parte do Consello de Europa, en 1987.

Antes que Portomeñe, foron recoñecidos coa distinción de embaixador de honra do Camiño Felipe V, Vicente del Bosque, Mariano Rajoy, o rei emérito Juan Carlos I, o Consello de Europa e o xornalista Carlos Herrera.

Vázquez Portomeñe
Vázquez Portomeñe | Fonte: Xornal de Lemos

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta