Galicia só ten o 1,3 das filiais estranxeiras do conxunto do Estado

Madrid, co 40%, e Cataluña, co 27%, suman a maior parte das filiais estranxeiras.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 25/11/2022 | Actualizada ás 12:15

Comparte esta noticia

Galicia ten moi pouco peso como destino das filiais estranxeiras que decidiron instalarse no conxunto do Estado español. Así, atópanse o 1,3% das 21.958 empresas con matriz estranxeira que existen en España, segundo o estudo sobre Empresas con accionistas estranxeiros en España elaborado por INFORMA D&B S.A.U. (S.M.E.).

Portugal é o país que conta con máis filiais en Galicia, seguido por Francia e o Reino Unido. Por sectores, case o 33% dedícase ao Comercio e un 14% á Industria. As empresas localizadas en Galicia suman con todo case o 3,8% das vendas totais das filiais foráneas do conxunto do Estado, que ascende a máis de 193.584 millóns de euros en 2021.

Madrid e Cataluña son as autonomías preferidas polas empresas con accionistas estranxeiros para implantarse, cun 40% e un 27% cada unha. A seguinte é Andalucía co 10%. De feito, son Madrid e Cataluña as que máis alcanzan, o 51% e o 24% do total da facturación deste tipo de empresas respectivamente. Neste caso a terceira é o País Vasco, cun 4,5%.

Gráfica coas filiais de empresas estranxeiras que están nas distintas autonomías do Estado
Gráfica coas filiais de empresas estranxeiras que están nas distintas autonomías do Estado | Fonte: remitida

UN SECTOR QUE MOVE O 13% DA FACTURACIÓN DO ESTADO

O número de empresas con matriz estranxeira en España ascende a 21.958, o que supón unicamente o 1,74% do conxunto do tecido empresarial do estado, pero venden máis de 193.584 millóns de euros, o 13% da facturación total.

En canto ao número de empregos, as empresas con accionistas estranxeiros dan traballo a 500.900 persoas, o 9% do conxunto. Tamén é certo que manteñen unha maior proporción de empresas grandes, un 7% da total fronte ao 2% que supoñen estas compañías entre as españolas. Un 9% das filiais entra na catalogación de medianas e un 16% na de pequenas.

Os países que contan cun maior número de filiais en España son europeos: Alemaña, o 12,3%, Reino Unido, un 11,4% e Países Baixos, un 11,3%. Entre o cinco primeiros suman o 53% de todas as empresas estranxeiras en España. Con todo, as empresas filiais francesas son as que suman un maior volume de facturación, o 19%, seguidas polas holandesas, cun 15%, e as alemás, cun 12%.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta