A casta de Feijóo

Nunca os resultados dunha enquisa provocaran unha tal marea de reaccións, fose no eido mediático ou no estritamente político. Entre estas últimas, as declaracións de Núñez Feijóo merecen unha análise polo miúdo.

Por Marcelino Fdez. Mallo | A Coruña | 12/11/2014

Comparte esta noticia
A secretaria xeral do Partido Popular marcou o camiño da áspera descualificación. Podemos implica un perigo para a democracia, esa resulta ser a opinión de Cospedal nun lastimoso exercicio de identificación entre bipartidismo e lexitimidade. 
 
Para Cospedal, a situación actual da política española non semella pór en perigo a democracia. Ela asume con normalidade e aquiescencia o financiamento irregular dos partidos (cando menos do seu), as contabilidades B, os sobresoldos, os pagamentos en negro, os tesoureiros escapistas, as contas en Suíza, as mensaxes de apoio a encausados, as tramas organizadas, os fraudes, estafas e subornos, o enriquecemento ilícito e os finiquitos en diferido. Todo isto cabe en democracia pero un novo partido como Podemos, non. 
 
Tras Cospedal falou Feijóo, faltoulle tempo para posicionarse. Di que el é “máis de Podemos cós de Podemos”, que non é casta dada a súa procedencia humilde e rural. Feijóo transmite dende sempre unha certa esencia de desclasado, tal que a súa típica fasquía de soberbia urbana non fose máis ca unha tapadeira trala que agochar a súa vontade íntima. Como se ter entrado no PP se debese a un cálculo frío respecto das opcións que lle permitirían unha carreira política máis fértil antes que a unha decisión tomada por convición. 
 
Núñez Feijoo afirma non ser casta sobre a base de que os seus devanceiros non estudaron na universidade nin pertencen a ningunha burguesía. Ás veces as declaracións do líder popular semellan atacar a intelixencia dos seus destinatarios. Quen pode crer que o concepto de “casta” que utiliza Podemos ten algo que ver coas orixes familiares dos posibles afectados? 
Cando Podemos utiliza ese termo “casta”, hase interpretar, máis ou menos, como esa clase política profesional, que converteu as administracións públicas no seu medio de vida, que aplica a máxima de que o fin xustifica os medios sendo o fin achegarse e manterse no poder, que utiliza os fondos públicos para obxectivos alonxados do interese común e que se amosa comprensivo e tolerante, cando non directamente participante, respecto da corrupción. 
 
Vexamos como queda Feijóo en cada un deses elementos identificativos do termo “casta” empregado por Podemos: 
 
Político profesional: Feijóo entra en política aos 30 anos e dende entón nela se mantén. Leva xa que logo, 23 anos en postos políticos: secretario xeral da Consellería de Sanidade, vicepresidente do SERGAS, secretario general do Ministerio de Sanidade, presidente do INSALUD, director de Correos, conselleiro de Política Territorial da Xunta, vicepresidente do goberno galego e finalmente presidente, cargo que ostenta dende 2006. Así pois, segundo o primeiro elemento identificativo, Feijóo é “casta”, pódese afirmar rotundamente. 
Fin xustifica medios: Feijóo non dubidou en atacar de xeito inclemente a lingua galega para debilitar o goberno bipartito nin tampouco en recorrer a calumnias como aquela historia sobre unhas cadeiras presidenciais pantasmas ou aqueles vehículos oficiais que en realidade procedían da era Fraga. Tampouco reparou en utilizar tódolos recursos posibles con tal de presentar un acordo con PEMEX inexistente xusto antes das eleccións nas que repetiu en Montepío. En consecuencia, atendendo a este segundo elemento, Feijóo volve ser “casta” claramente. 
 
Utilización fondos públicos: entre moitos exemplos que se poderían traer, velaquí dous dabondo significativos propios de épocas distintas: Feijóo foi cómplice como vicepresidente da Xunta da maior dispendio nunha administración pública en Galicia, a Cidade de Cultura, que supuxo un gasto próximo aos 500 millóns de euros para fins que nada teñen que ver coas necesidades dos galegos; entre as primeiras decisións que tomou o seu goberno, ei-las asignacións directas a medios de comunicación afíns, feito que se repetiu en diversas ocasións en función dos intereses de cada momento. Así pois, Núñez Feijóo cumpre tamén este terceiro elemento sen ningunha dúbida. 
 
Indulxencia coa corrupción: o PP galego sae retratado en todo canto caso atinxe ao PP central, e son uns cantos, e amosa así mesmo múltiples procesos propios tales como as operacións Pokemon, Pikachu ou Zeta, ademais de moi variados preitos e sumarios de carácter provincial ou municipal. Ante as ducias de oportunidades nas que Núñez Feijoo puido tomar firmes decisións contra a corrupción, o presidente galego limitouse a realizar declaracións con valor de lavado de cara mentres amosaba unha compracencia xeralizada. Por citar algún caso de xeito explícito, velaí esas estreitas relacións nunca xustificadas cun acusado de narcotráfico, a defensa dunha asignación de 11 millóns de euros por parte do SERGAS a Cofely, a empresa central da operación Púnica, ou o apoio destes días a Monago malia o recoñecemento do presidente estremeño sobre o pagamento de gastos privados con fondos públicos. Semella que Núñez Feijóo é un alumno avantaxado na observación deste elemento definitorio de “casta” que supón a indulxencia fronte á corrupción. 
 
Após as liñas anteriores, un diría que ese novo concepto introducido por Podemos para describir a clase política desacreditada e tantas veces infame foi pensado precisamente para políticos como Alberto Núñez Feijóo. 
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Marcelino Fernández Mallo Economista coruñés con ampla traxectoria no sector financeiro galego e no mundo Internet. Colaborou con medios de distinta liña entre os que cabe salientar Vieiros, a Radio Galega e Xornal de Galicia. É autor das novelas Pallarega, A trenza ou Klásicos. Mantén o blog Atrenza.
@pallarego